O BNG reclama cubrir a praza de médico en A Pobra do Brollón
O alcalde, Xosé Luís Maceda e o deputado do BNG, Cosme Pombo denuncian que a falta de facultativos afecta a todo o medio rural e reclaman respecto ao dereito á saúde para estas persoas
O deputado do BNG, Cosme Pombo e o alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda reclamaron hoxe no Parlamento galego cubrir a baixa dun médico nesta localidade que conta cunha poboación de 1.800 persoas.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde, Xosé Luís Maceda, veterinario de profesión, asegurou que tras o verán produciuse a baixa dun dos dos médicos de familia cuxa baixa non foi cuberta o que obriga ao facultativo actual e ao que acude a consulta só os luns a atender a unha poboación de 1.800 persoas. O alcalde afirmou que neste momento en A Pobra do Brollón hai un médico e tres veterinarios o que ao seu entender, evidencia que están mellor atendidos os animais que as persoas.
Maceda explicou que o problema de atención sanitaria no concello foi comunicada á consellería de Sanidade que confirmou o cumprimento da ratio de tarxetas pero sen compromiso algún para cubrir a baixa do médico.
Iniciativas do BNG no Parlamento contra os recortes
Pombo lembrou que en A Pobra do Brollón había tres médicos e na actualidade só queda un polo que pediu ao Goberno galego respecto para o rural galego e as persoas que nel viven. O BNG entende, dixo, que un concello como A Pobra do Brollón, rural, con poboación envellecida e cun hospital en Lemos que cae a cachos non pode recortar tamén a Atención primaria
Sobre esta cuestión sinalou que unha persoa infartada nesta localidade ten o dobre de posibilidades de morrer por falta de asistencia como xa denunciou o BNG en diversas iniciativas sobre a falta do servizo de Hemodinámica durante 24 horas, radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, o desvío de pacientes da Sanidade pública á privada, as prazas médicas sen substituír nos concellos de Cervo, Xove, Ribadeo e Riotorto e os continuos recortes no dereito á saúde.
Oito días para unha cita médica
Para o alcalde resulta urxente contar con dous médicos polo que reiterou a necesidade de cubrir a baixa do facultativo porque en moitas ocasión durante unha urxencia,dixo, o centro de saúde permanece unha hora ou hora e media sen atención. Maceda sumou a esta circunstancia a lista de espera para os veciños que se converte en oito días para unha cita médica ordinaria.
O rexedor tamén preguntou onde está a política de reequilibrio territorial que defende a Xunta de Galiza, cando en realidade, practica unha política para cerrar o rural. Nós, recalcou non imos a marchar e chegaremos a onde faga falta para manter os servizos.
O BNG entrega a queixa ao Valedor do Pobo
Previamente á comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde acompañado do deputado do BNG, Cosme Pombo, o tenente de alcalde e a responsábel de Política Municipal, Goretti Sanmartín fixeron entrega dun escrito de queixa ante o Valedor do Pobo para pedir a súa mediación no recorte de Atención primaria en A Pobra do Brollón.