O BNG reclama cambiar a política fiscal e crear unha Comisión contra a fraude
Jorquera defendeu non elevar os impostos indirectos, gravar as rendas máis altas e establecer novos tributos para empresas con impactos negativos no medio ambiente
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reclamou, unha vez máis na comisión de Economía e Facenda, un cambio na política fiscal priorizando o gasto social e investimento produtivo.
O Partido popular rexeitou a Proposición non de lei nacionalista que ademais incluía: Non subir os impostos indirectos, reformas impositivas para as rendas máis altas, establecer novos tributos sobre grandes superficies comerciais e empresas que xeren impactos negativos medioambientais e non reducir o investimento en gasto social.
O PP pretende impoñer un modelo produtivo e laboral á senegalesa
Na súa intervención, o deputado lembrou que o novo período de sesións estará ocupado, en grande medida, polo debate do proxecto de orzamentos polo que demandou un cambio na orientación das políticas fiscais, chave de ingresos e distribución do gasto público e principal ferramenta dun Goberno para influír na marcha da economía.
Non queremos, dixo, un modelo produtivo á senegalesa acumulando débeda e máis recortes en políticas sociais. Tampouco queremos unha reforma fiscal que favorece ás rendas máis altas e empresas. Un goberno que recorta en ensino e sanidade e logo subvenciona centros educativos que segregan por razón de sexo, non defende o interese xeral, provoca un medre escandaloso das desigualdades sociais e empobrece ás persoas, recalcou.
En Galiza e no Estado español, está acontecendo o que dicía o cantautor portugués Fausto: Assim se faz Portugal: uns van ben e outros mal. O BNG, ao igual que Fausto tamén di: Eu non quero o que tu queres, que eu son doutra condiçao e por esa razón propomos un profundo cambio na orientación das políticas fiscais, concluíu.
O BNG pide crear unha Comisión contra a fraude fiscal
Por outra parte, na mesma comisión, Jorquera defendeu crear unha comisión especial contra a fraude fiscal. O BNG, dixo, seguirá reclamando investigar o fraude por moito que batamos contra o muro do Grupo parlamentario do Partido popular, máxime tendo en conta os últimos acontecementos.