O BNG pide a Turismo as cláusulas do contrato do videoclip de Enrique Iglesias
Carme Adán dixo que o videoclip é sexista, representa un despilfarro de cartos públicos, e non promociona o turismo de Galiza
A parlamentaria do BNG, Carme Adán volveu criticar hoxe, na Comisión de Turismo, o investimento de 300.000 euros nun videoclip de Enrique Iglesias para a promoción do turismo de Galicia.
Para a deputada, o vídeo supón un despilfarro de cartos públicos como xa denunciaron, dixo, os diferentes sectores da cultura galega, sobre todo da música e o do audiovisual. Ademais, engadiu, non vemos por ningún lado a transparencia da que presume Núñez Feijóo , non coñecemos nin o contrato nin as cláusulas do mesmo polo que requiriu da responsábel de Turismo unha copia das condicións contractuais entre a Xunta e produtora do cantante.
A Xunta non rescindirá o contrato do videoclip
A parlamentaria tamén preguntou porqué resulta máis caro rescindir o contrato que executalo como afirmou onte o portavoz do Partido popular, Agustín Baamonde, en resposta a unha pregunta formulada en comisión pola tamén deputada do BNG, Ana Pontón.
Moitos gústame e retweet avalan para a Xunta o videoclip de Enrique Iglesias
Pola súa parte, a directora de Turismo foi tallante na resposta e afirmou que non romperá o contrato porque será un grande éxito nas redes sociais como indica, explicou, a grande cantidade de gústame e retweets rexistrados. A parlamentaria ironizou sobre esta cuestión asegurando que se as campañas publicitarias da Xunta van a xustificarse por moitos gústame, xa non entendía nada.
No transcurso do debate , Adán lamentou que os datos do turismo en Galiza non sexan positivos, sobre todo en turismo rural e cultural, polo que preguntou si existen informes previos sobre o retorno económico do devandito vídeo para non levar outra sorpresa negativa como aconteceu coa visita do Papa.
Adán volveu preguntar porqué o contrato é confidencial e a Xunta non impide que o Parlamento coñeza en que condicións foi realizado polo que volveu solicitar unha copia das cláusulas.
Non coñecemos o contrato nin os informes que o xustifiquen o que nos leva a pensar, dixo, que houbo escurantismo. Qué clase de turismo quere vostede potenciar con este vídeo, a quén vai dirixido e non me responda que hai moitos gústame e retweets porque iso non representa ningún retorno económico, concluíu.