O BNG pide un referendo sobre o resgate ao Estado
O BNG pide un referendum para que a sociedade se pronuncie sobre o rescate ao Estado español. Ademais, anuncia unha auditoría social sobre o estado no que se acha o sistema financeiro e os seus responsábeis. Como primeira medida de protesta o BNG convoca para mañá pola tarde concentracións nas sete cidades galegas.
Así o decidiu hoxe a Executiva Nacional do BNG que se reuniu con carácter de urxencia para para analizar o rescate á banca española solicitado polo goberno de Rajoy e aprobado pola Troika este sábado.
Rajoy mente: o rescate ímolo pagar a escote entre todos
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou as mentiras do Goberno, porque fronte á idea que transmite Rajoy de felicidade absoluta, este rescate si vai ter consecuencias para a maioría social en forma de novos recortes e de aumento de impostos, diga o que diga o PP.
O préstamo, iso que lle chama Rajoy, liño de crédito ímolo pagar a escote entre todos e todas, advertiu.
Polo tanto, anunciou que dende o BNG negámonos a aceptar o grande engano que está a poñer en marcha o PP, que volve utilizar a mentira masiva como arma política, o que para o BNG é inaceptábel.
Si vai haber intervención da Troika
Ademais, Guillerme puxo de manifesto que eses cartos préstanse ao Estado español a través do FROB, polo tanto, iso vai ser débeda pública.
O PP pasou de O emprego o primeiro a A banca o primeiro
Neste sentido, advertiu de que si haber intervención da troika, si vai haber control e si implica esta decisión do goberno a perda de soberanía do Estado español en materia fiscal e financeira. Do mesmo xeito, denunciou que si hai condicións para este préstamo, e algunhas delas xa están postas enriba da mesa, como os recortes sociais, o pensionazo ou as rebaixas salariais.
Guillerme anuncia que o BNG vai organizar unha "auditoría social" sobre o estado no que se acha o sistema financeiro
E polo que respecto aos bancos, o portavoz nacional do BNG afirmou que non vai resolver os seus problemas e si vai alimentar a burbulla da débeda pública, e por suposta non vai garantir que esa banca, unha vez saneada, forneza crédito nin ás empresa nin a particulares.
Ante esta situación, Guillerme denunciou que en seis meses o goberno de Rajoy de defender o emprego o primeiro a a banca o primeiro.
Feijoo, o desaparecido
Por outra parte, o portavoz nacional advertiu da aínda máis difícil situación na que queda Novagalicia Banco tras este rescate. Neste sentigo, Guillerme criticou que o locuaz presidente da Xunta estea calado e desaparecido estes días, sen dar ningunha explicación ou proposta sobre a situación na que queda o aforro galego.
Unha situación que para o BNG só se pode resolver coa Banca Pública Galega como saída, polo que demandou de novo ao PP e ao PSOE en Galiza a que se pronuncien con claridade sobre esta saída.
Auditoría social e referendo
En todo caso, o portavoz nacional do BNG demandou de novo investigacións parlamentarias e tamén xudiciais a cerca de porqué se chegou a esta situación, de quen foron os responsábeis tanto dende o punto de vista da xestión como política, e esixirlles responsabilidades.
É incríbel que a estas alturas aínda non haxa responsábeis desta situación; e se hai que reformar o Código Penal que se reforme, porque o que pasou co sector financeiro afecta á vida e á facenda de millóns de persoas.
A este respecto, anunciou que se PP segue negando esta investigación, o BNG promoverá unha auditoría social para intentar explicar e dar a coñecer á xente o que ten acontecido.
Concentracións maña nas sete cidades galegas
Do mesmo xeito, subliñou que o BNG tamén esixe democracia, porque por moitas maiorías absolutas que se teñen, decisións como esta do rescate que afectan á maioría social non poden pasar sen debate democrático.
Guillerme denuncia o silencio do outrora "locuaz" Feijóo ante a evidencia de que a UE quer unha nova rolda de fusións que levaría aparellada a absorción de Novagaliciabanco por Bankia
Por iso, informou de que o BNG esixe debate e referendo sobre esta cuestión, para que a sociedade se poida pronunciar sobre o rescate.
Guillerme subliñou que o BNG non participará neste engano á sociedade nin nesta cerimonia da confusión e enunciaremos con todas as nosas forzas este rescate que é lesivo para a maioría da sociedade.
Por último, anunciou que o BNG convoca concentracións nas sete cidades galegas en torno ás 20.00 horas contra o rescate e en demanda un referendum.
http://www.youtube.com/watch?v=spfsnTdtxAw