O BNG pide paralizar a prórrroga da concesión de ENCE e o PP vota en contra
Montse Prado lembrou que xa van 52 nos da inauguración de ENCE polo ditador que decidiu converter os montes galegos nun gran eucaliptal
Pleno.- A deputada do BNG, Montse Prado reclamou hoxe tomar medidas contra a prorroga da concesión de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra.
A parlamentaria lembrou que o pasado sábado, cumpríanse 52 anos da inauguración de Ence a cargo do ditador, Francisco Franco que decidiu converter os montes galegos nun gran eucaliptal, decisión que agora o Partido popular parece que quere seguir mantendo.
Montse Prado tamén recordou a grande resistencia do pobo galego contra a plantación de eucaliptos que mesmo chegou a provocar mortes pero a pesar desa resistencia, dixo, consumouse esa implantación contraria aos intereses dos labregos e labregas e mermando os recursos mariños, levamos décadas co trato de favor á pasteira e máis de cinco décadas de contaminación atmosférica e da ría.
A deputada abondou no consumo gratuíto de auga, 13 millóns de metros cúbicos ao ano, más que o conxunto de todos os concellos da ría, cinco décadas de estrago medioambiental e económico. Polo tanto, dixo, non existe ningunha xustificación para a permanencia de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra, agás o negocio e enriquecemento da empresa.
O PP realizou todos os seus esforzos tentando consolidar o complexo de Ence e nese obxectivo,afirmou Prado, no ano 2013 modificou a lei de Costas para posibilitar a prorroga da concesión máis alá do ano 2018.
A prorroga no caso de concederse, significaría unha privatización do dominio público por moitos anos e Ence permanecería 15 anos máis en Pontevedra, circunstancia que dende o BNG, consideramos unha auténtica fraude e por iso presentamos esta Proposición non de lei para que o Parlamento galego inste á Xunta a exercer as competencias exclusivas en materia de territorio e que inicie o proceso para recuperar o espazo de Ence-Elanosa. Que dunha vez por todas, anule a autorización ambiental de Elnosa.
Finalmente, a nacionalista apelou aos compromisos formulados polo propio Feijóo e o exconselleiro Guerra sobre o traslado da pasteira. Pedimos ao goberno galego que non permita que sexa o Goberno español o que decida a permanencia de Ence para beneficiar os intereses da empresa, concluíu.
A proposición non de lei foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.