O BNG pide explicacións no Parlamento polo xuízo contra Carlos Callón pola suá defensa da toponimia
O grupo parlamentar do BNG amosa o seu apoio ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que será xulgado o próximo Venres na Coruña, a través dunha iniciativa na que urxe da Secretaría Xeral de Política Lingüística que emprenda algunha actuación efectiva para velar polo cumprimento da legalidade vixente no uso do idioma na Xustiza.
Para Ana Pontón, non é de recibo que se procese xudicialmente a quen defende o dereito de uso do galego tamén no ámbito xudicial mentres que quen o ataca e vulnera a legalidade vixente actúa con total impunidade.
A parlamentar nacionalista explica que estes feitos cobran especial trascendencia cando quen vulnera a lei son precisamente as persoas encargadas de velar polo seu cumprimento e impartir xustiza, como é o caso do xuíz decano da Coruña.
Non pode ser que se procese xudicialmente a quen defende a legalidade vixente en materia lingüística e quen a vulnera actúe con total impunidade
Pontón lembra que a orixe do proceso está nunha denuncia deste xuíz, Antonio Fraga Mandián, contra Carlos Callón logo de que o presidente da Mesa o denunciara por empregar nos documentos oficiais o topónimo La Coruña .
Asemade, esta situación derívase dunha actuación da Mesa en defensa dos dereitos dunha persoa que reclamou a documentación en galego durante un proceso xudicial, ao que o citado maxistrado lle puxera trabas e dificultades.
O BNG, con Carlos Callón
Estes feitos, engade Ana Pontón, poñen de manifesto as enormes dificultades que aínda existen para a utilización do galego na Xustiza, por iso o BNG seguirá a traballar no ámbito institucional para velar polo cumprimento da lei en materia lingüística e favorecer a súa normalización na Xustiza.
Asemade, a propia Ana Pontón, o portavoz parlamentar Francisco Jorquera e o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañarán a Carlos Callón o próximo Venres no xulgado como mostra de solidariedade e para esixir que este tipo de situacións non volvan pasar.