O BNG pide explicacións no Congreso pola carga policial en Compostela
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez presenta unha pregunta sobre a carga policial, producida onte en Santiago, tras negar as forzas de seguridade o acceso ao casco vello a centos de persoas co fin de impedir as protestas dirixidas a Rajoy e Angela Merkel
A deputada do BNG no Congreso dos deputados, Rosana Pérez rexistrou hoxe unha pregunta con resposta escrita relativa á desproporcionada carga policial en Santiago de Compostela con motivo da presenza da chancerelesa Angela Merkel.
A deputada considera que a acción policial vulnerou os dereitos da cidadanía ao impedir a libre circulación a puntos da parte antiga da capital compostelá e someter aos cidadáns a identificacións inxustificadas.
A nacionalista pregunta tamén polo custe ao erario público e cidadáns do dispositivo despregado onte en Santiago, e se o Goberno considera xustificado efectuar tales depregues no momento de maiores recortes en materia de Sanidade, Servizos Sociais e Educación.
Rosana Pérez denuncia o acontecido onte na capital galega e pregunta a que responde que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado se extralimiten e utilicen a violencia contra @s cidadáns que tentaban acceder á Praza do Obradoiro para exercer o seu dereito de liberdade de expresión.
Por outra parte, a nacionalista considera que as declaracións do Delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez, sobre a violencia nas rúas, non contribúen á pacificación social sobre todo, nun momento de protestas cidadáns contra as políticas regresivas do Partido popular, cómo se entende unha represións tan férrea nun sistema democrático? pregunta.
Finalmente, a deputada tamén quer saber se o Ministerio do Interior continuará con este modelo na nova lei de Seguridade Cidadá.