O BNG pide ao Goberno que priorice ás persoas fronte o "déficit"
Montse Prado critica a excesiva preocupación do PP polo déficit mentres hai persoas en Galiza que deben elixir entre comer ou mercar os medicamentos
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado defendeu un sistema sanitario público, universal, gratuíto e financiado a través dos orzamentos públicos no que pague máis o que máis ten.
A parlamentaria fixo estas afirmacións tras a comparecencia da conselleira de Sanidade na presentación do informe anual do aforro derivado das medidas previstas na lei 12/2010 do 22 de Decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade.
Prado asegurou que a aplicación da lei resulta insatisfactoria porque as medidas posteriores condenaron a lei á irrelevancia e deturparon os obxectivos marcados inicialmente como a blindaxe e aparalización de recortes sanitarios.
A parlamentaria manifestou que para o BNG é importante racionalizar o gasto farmacéutico pero non a base de penalizar ás persoas enfermas nin deixar fora de financiamento máis de catrocentos medicamentos, a Sanidade, sentenciou, debe priorizar as persoas e non criterios economicistas.
O PP cambiou unha lei para covertela en papel mollado
Deste xeito cualificou a nacionalista a lei de racionalización do gasto farmacéutico comprometida coa reclamación das competencias en materia de sanidade, que pronto se esqueceron vostedes, dixo, daquel compromiso e anunciou que agora o BNG non apoiará ao Goberno para trasladar os gastos aos pacientes, votamos a favor da reforma da lei porque contemplaba medidas positivas pero o que veu despois, foi papel mollado.
Os recortes en saúde, engadiu, estanse convertendo na bandeira dos gobernos do Partido popular no Estado español nunha carreira perversa para colocar o déficit por riba das persoas a través de decisións lesivas para as economías fráxiles como @s xubilad@s e enferm@s.
A deputada denunciou a existencia de persoas que non poden recoller os medicamentos por falta de recursos nin afrontar o adianto da porcentaxe dos medicamentos receitados non recollidos polo financiamento público, aqueles, explicou Prado, destinados a síntomas leves que deben ser abonados no cen por cen, medicamentos que as persoas non compran por capricho porque son imprescindibles para a saúde.
Máis gasto farmacéutico coas pensións máis baixas do Estado
A parlamentaria asegurou que a maiores do gasto en farmacia, as persoas máis desfavorecidas deben sumar a subida do IVE, IRPF, a auga e o transporte a unhas pensións que en Galiza resultan das máis baixas no Estado, algunhas con 200 euros e outras que non superan os 400.
Finalmente, a nacionalista preguntou á Conselleira de Sanidade se o seu departamento realizou algún tipo de seguimento das persoas que non retiran os medicamentos prescritos por falta de cartos ou persoas que deben escoller entre comer ou mercar as medicinas.