O BNG pedirá no Parlamento a reprobación da eurodeputada do PP Carmen Fraga
Montse Prado agarda que a normativa impulsada pola eurodeputada, tan perxudicial para o sector do mar galego, sexa unha prioridade na axenda da Consellería de Pesca e emprenda accións para anulala
O grupo parlamentar do BNG, a través da súa voceira de Pesca, Montse Prado, levará ao Parlamento a reprobación da eurodeputada do PP, Carmen Fraga, polo perxuízo que vai supor para o sector extractivo do mar galego a súa iniciativa de eliminar a obrigatoriedade da procedencia na etiquetaxe dos productos pesqueiros e marisqueiros.
A deputada nacionalista considera que o goberno galego ten que explicar en sede parlamentar que opinión lle merece a dita decisión, feita a instancias de Carmen Fraga, se cre que vai beneficiar ou perxudicar ao sector e, en caso, de que concorde co BNG e cos afectados en que vai ser perxudicial adopte as medidas necesarias para que non conste no texto definitivo da Organización Común de Mercado (OCM) dos productos da pesca e da acuicultura.
Dereito dos consumidores e supervivencia do sector
Montse Prado lembra que a OCM estabelece as regras para este sector productivo no período 2014-2020 e até a emenda da popular Carmen Fraga obrigaba a identificar a procedencia dos productos, o que é o máis lóxico porque os consumidores teñen dereito a saber a orixe do que consumen.
Non é de recibo engade- que unha representante galega no Parlamento Europeo deserte da súa responsabilidade con Galiza e actúe ao servizo doutros intereses e doutros países, propondo unha iniciativa que é unha auténtica bomba de reloxaría para o sector.
Fraude e engano
Para Prado, eliminar a obrigatoriedade de indicar a procedencia nas etiquetaxes ataca ao consumidor, pois supón unha fraude e engano, e aos traballadores do sector, que observan como paulatinamente se despreza a súa producción a favor da foránea.
A parlamentar nacionalista conclúe advertindo que o sector extractivo galego ten o dereito a vivir dignamente do seu traballo, producindo e comercializando un producto único e extraordinario que é quen de xerar milleiros de postos de traballo que hoxe se atopan ameazados, por iso cómpre adoptar medidas con carácter urxente, frear as intencións de Carme Fraga e reprobala no cargo pola súa irresponsabilidade.