O BNG insta á Xunta a que non obrigue ás confrarías a adiantar os cartos por rexenerar a ría
Montse Prado rexistra unha proposición non de lei exixindo un convenio entre a Consellería do Mar e os pósitos para evitar unha medida que só vai afondar na crítica situación económica das confrarías
Montse Prado rexistrou unha proposición non de lei neste sentido ante a alarma xurdida entre os mariscadores e mariscadoras da ría ao ser informados de que hai unha partida económica procedente da UE para proxectos de rexeneración de bancos marisqueiros e que unha boa parte deses cartos serán para a ría de Ferrol, pero iso si, sempre que os adiante a confraría.
Mais unha vez engade a deputada do BNG- presentado o proxecto de rexeneración, os pósitos se atopan coa sorpresa de que para poder cobrar polos traballos realizados teñen que presentar ante a Consellaría do Mar os recibos dos pagos aboados aos mariscadores e mariscadoras das súas contas.
Para a parlamentar, esta medida é totalmente inxusta e vai agudizar os gravísimos problemas económicos que xa sofren as confrarías, problemas que en parte xa veñen provocados por decisións e experimentos do propio goberno.
Batea de depuración
Neste sentido, lembrou como o pasado ano se impuxo por parte da Xunta a batea de depuración como única saída para o marisco procedente de zonas C e elimináronse os traslados, un sistema que demostrou ser un fracaso e que ocasionou gastos que case levan á ruína ás confrarías.
Montse Prado explica que despois de sete anos da entrada en vigor da normativa comunitaria para a comercialización do marisco procedente das zonas C, a situación na ría de Ferrol segue a ser a mesma, non hai depuradoras de augas residuais e a consecuencia disto é que a maior parte do marisco está en bancos con esa clasificación.
Ante esta realidade, a parlamentar nacionalista tamén pide na súa iniciativa que o goberno da Xunta se dirixa ao do Estado para que axilice a execución das obras da E.D.A.R norte da ría de Ferrol, que xa levan un mes de retraso con respecto á ultima data anunciada de comezo das obras dos colectores.