O BNG insta á Xunta a manter os postos de traballo da conserveira Cuca e evitar o seu traslado
A deputada do BNG, Montse Prado reclama manter o emprazamento da fábrica conserveira en Vilaxoán e garantir os postos de traballo, maioritariamente realizado por mulleres, nunha comarca castigada polo desemprego e a falta de actividade económica
Membros do grupo parlamentario do BNG mantiveron unha xuntanza cunha delegación de traballadoras da empresa conserveira Cuca emprazada na localidade de Vilaxoán ante o anuncio do peche das instalacións da fábrica e posterior traslado á planta do Grupo Garavilla no termo municipal de O Grove.
As traballadoras transmitiron ao grupo parlamentario do BNG o seu rexeitamento a esta intención da empresa conserveira e fixeron un chamamento aos poderes públicos para adoptar medidas a favor da permanencia da empresa e os postos de traballo que xera, directos e indirectos, nunha comarca gravemente afectada polo desemprego e a falta de actividade económica.
Pola súa parte, a deputada e portavoz de traballo do BNG, Montse Prado anunciou á plantilla de traballadoras o compromiso desta forza política coas súas reivindicacións e manifestou que dende o BNG serán presentadas todas as Iniciativas necesarias para garantir a actividade empresarial e os postos de traballo da conserveira.
Neste sentido, o BNG xa rexistrou diversas iniciativas que serán debatidas proximamente no Parlamento galego co o obxecto de instar á Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para evitar o desmantelamento e traslado da factoría.
Produto artesanal elaborado por unha plantilla de traballadoras
Para a deputada do BNG, Montse Prado adquire gran relevancia que a plantilla composta maioritariamente por mulleres sexa afectada por un ERE nunha comarca que xa padece un alto índice de desemprego e tendo en conta, ademais, que as razóns da empresa para o traslado non son válidas.
Conservas Cuca, explica a parlamentaria nacionalista, non produce perdas e presenta unha traxectoria e un prestixio presidido pola calidade dunha conserva artesanal e un produto en aceite de oliva virxe extra e ecolóxico, que representa o mellor activo nun mercado fortemente competitivo.
Neste sentido, Prado reiterou o apoio do BNG ás traballadoras de Cuca e o compromiso co mantemento dos postos de traballo e emprazamento da empresa conserveira en Vilaxóan.