O BNG desvela que Ibérica Mantemento S.A incumpre o servizo contratado polo SERGAS
Montse Prado pregunta porque se adxudica un servizo de mantemento integral a unha empresa privada foránea cando o servizo funcionaba perfectamente con custes reducidos, profesionais cualificados e unha asistencia inmellorábel
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Sanidade sobre o incumprimento por parte da empresa Ibérica Mantemento S.A das condicións establecidas polo Sergas para a súa adxudicación.
A parlamentaria asegurou que existen evidencias deste incumprimento en todos e cada dos apartados do prego de condicións entre as que salientou: que de 91 postos de traballo ofertados non se cubrira o 60%, os tempos de resposta non corresponde coa oferta, non manteñen o servizo durante 24 horas, carecen de medios materiais, incumpre os prazos para a substitución de equipos, non facilita os equipos ofertados para substituír en caso de avaría e non instalaron o sistema informático ofertado.
Prado afirmou que esta situación provocou que desde finais de setembro, os servizos de radioloxía, endoscopias, diálise e esterilización víronse obrigados a anular un gran número de citas por mor das avarías nos equipos e falta de substitución dos mesmos nos prazos establecidos.
A conselleira de Sanidade cruza os dedos para non ter que aplicar máis recortes
Para a deputada, isto responde á intención do Partido popular de privatizar a Sanidade pública entregándolla a empresas privadas que fan negocio coa saúde dos cidadáns e lembrou as recentes palabras da conselleira de Sanidade cando publicamente afirmou que haberá que cruzar os dedos para que non se apliquen máis recortes.
Na liña da privatización, a deputada do BNG incluíu as manifestacións do número dous do Ministerio do Interior nas que recoñece abertamente que a prerrogativa de seguridade pública concedida ás empresas privadas de seguridade responde a que é necesario darlle negocio a esas empresas, baixo o paraugas da Lei de Seguridade Cidadán e que Prado denominou Lei de criminalización e mordaza.
Dende o BNG, afirmou a nacionalista, non nos resignamos nin agardamos que a situación mellore espontaneamente, a solución non é privatizar os servizos públicos nin aforrar a costa dunha peor calidade na sanidade, sentenciou.
Pola súa parte, o director xeral de Recursos económicos, Pablo Torres incidiu no aforro do 5% da empresa Ibérica Mantemento e avogou por seguir aforrando.
Na quenda de réplica, a nacionalista volveu denunciar un contrato que ao seu xuízo, empeorou un servizo que estaba a cargo do persoal e medios da Sanidade pública e funcionando correctamente