O BNG denuncia as presas do PP para aprobar o mandato programa da CRTVG
A deputada do BNG, Montse Prado afirma que o Partido popular quere que prospere a súa proposta de obxectivos xerais da CRTVG para os vindeiros nove anos co fin de seguir utilizando o medio público no seu favor como medio de propaganda
A parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou hoxe a intención do Partido popular de aprobar en tempo express o mandato programa que determina os obxectivos xerais da CRTVG para os vindeiros nove anos, lei que tivo gardada na gabeta pechada dende hai catro anos e que agora quere aprobar ás presas, afirmou.
A parlamentaria tamén denunciou o proceder do Partido popular no proceso de convocatoria da ponencia e dos prazos para achegar propostas para a elaboración do mandato programa. Neste sentido, remarcou que conceder sete días aos grupos da oposición para novas propostas é inviable e só responde á intención do Partido popular de aprobar a súa proposta.
Por outra parte, a parlamentaria tamén lembrou que grazas ao pacto entre PP e PSOE foi renovado o Consello de Administración da CRTVG deixando fora a conselleir@s doutras forzas con representación parlamentaria o que ao seu entender, representa unha nova vulneración da democracia no Parlamento galego.
Prado reitera o seu malestar pola intención do Partido popular de aprobar en tempo record a súa proposta e impedir que os grupos parlamentarios podan facer as súas propostas con tempo suficiente.