O BNG denuncia unha estratexia contra o Sistema financeiro galego

Unha delegación do BNG, encabezada por Francisco Jorquera, participou na manifestación celebrada hoxe en Compostela contra o Plan de resolución de Novagalicia Banco

A

A delegación do BNG participou na manifestación celebrada hoxe en Santiago de Compostela baixo o lema “Non ao roubo do aforro galego” e contra a reestruturación laboral de Novagalicia Banco.

Jorquera denunciou o que cualificou de “consumación do espolio do aforro galego” centrado no plan de resolución de Novagalicia Banco que conleva o despido de 2.500 traballadores e traballadoras, a posible perda da Obra Social, o peche de multitude de oficinas no medio rural impedindo o acceso a servizos financeiros básicos para amplos sectores da poboación e medidas inxustas como “a quita imposta aos miles de aforradores estafados polas participacións preferentes”.

Derrogación do Plan de resolución de Novagalicia Banco

O portavoz do grupo nacionalista afirmou que este escenario permitirá a “venda a prezo de saldo” das institucións de crédito que aínda existen en Galiza o que consumará a perda dun sector financeiro propio para a financiación da súa economía produtiva.

Neste sentido, esixiu a derrogación do Plan de Novagalicia Banca e unha estratexia diferente fronte ao plan de resolución da entidade galega en vez de socializar as perdas da banca no seu conxunto da sociedade para a continuación, “vender Novagalicia Banco a inversionistas privados” polo que reiterou a necesidade de apostar “por un banco público galego”.

O BNG pide unha investigación a fondo polas prácticas clientelares de Baltar na Deputación provincial de Ourense durante vinte anos

A preguntas dos xornalistas sobre o veto do Partido popular para crear unha comisión destinada a examinar a política de persoal de José Luís Baltar durante o seu mandato como Presidente da Deputación de Ourense e inmerso nun proceso xudicial por esta causa, o parlamentario nacionalista considerou que o PP por moito que tente agora focalizar as responsabilidades en Baltar, “ amparou e alentou ese tipo de prácticas clientelistas na Deputación de Ourense”.

Jorquera acusou ao Partido popular de “cómplice e responsable” do acontecido na institución ourensá polo que pediu “unha investigación a fondo e a depuración de responsabilidades políticas” porque ao seu entender, “tanto Feijoo como a dirección do Partido popular de Ourense son responsables desas prácticas durante vinte anos”