O BNG considera tardía a dimisión de Paula Prado e acusa a Feijóo de complicidade
Ana Pontón afirma que a dimisión de Paula Prado da portavocía do Partido popular esconde un problema xeneralizado de corrupción dentro do PP do que Núñez Feijóo é responsábel e cómplice por manter a cargos que están imputados ou presuntamente o serán nun inmediato futuro
A viceportavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Ana Pontón cualificou de tardía a dimisión de Paula Prado e considera que pon de manifesto o dobre raseiro do Partido popular ao dimitir como portavoz do partido para non facerlle dano e manterse como deputada demostrando unha clara falta de consideración e desprezo polo Parlamento galego.
En todo caso vemos dixo, como detrás desta dimisión se esconde un problema xeneralizado de corrupción dentro do Partido popular do que Núñez Feijóo é responsábel, non só pola tibieza coa que actúa senón pola complicidade que demostra ao seguir mantendo en cargos, de moita relevancia, a persoas que van estar ou están neste momento imputados/as.
Dende o BNG, dixo, cremos que a complicidade demostrada polo Presidente do Goberno galego socava aínda máis a xa feble confianza da cidadanía nas institucións e resulta indigno que o Presidente da Xunta de Galiza, por salvar ao seu partido sega facendo tanto mal ao noso País.