O BNG condea o guerracivilismo do arcebismo Rouco e esíxelle ao PP que o reprobe
O arcebispo de Madrid recorre ao discurso do medo para asustar os cidadáns que queren exercer o dereito dos pobos a decidiren o seu futuro.
O BNG esixe a condena expresa das palabras do arcebispo por parte do presidente do goberno.
O BNG considera que as palabras do arcebispo confirman que a xerarquía da igrexa católica española segue instalada na ideoloxía do nacional-catolicismo coa que se identificou maioritariamente durante a guerra civil e a ditadura fascista, difundindo unha visión parcial e falsa sobre as causas do golpe militar e a guerra. As opinións do sr. Rouco confunden as vítimas cos verdugos, poñéndose unha vez máis ao lado do PP, non só para evitar a condena da rebelión militar e o masacre da Guerra Civil, senón para xustificar descaradamente a súa necesidade e vinculala ao discurso do medo contra os que queremos exercer o dereito a decidirmos colectivamente o noso futuro. As declaracións do prelado revelan a coincidencia ideolóxica e de xuízo histórico entre a igrexa e o PP, que segue a negarse a condenar explicitamente aos militares rebeldes que causaron a guerra civil, como demostra o seu posicionamento en parlamentos e congresos e as manifestacións dos seus cargos institucionais cada vez que hai ocasión.
O BNG esíxelle ao goberno español que condene as palabras do arcebispo, pronunciadas nun acto oficial organizado na honra dun ex-presidente do Estado. Así mesmo, esixe que os funerais de estado sexan actos civís, nos que a igrexa católica non teña ningún papel relevante, como corresponde a unha democracia do noso tempo nun estado laico e aconfesional. Con independencia do carácter reaccionario da xerarquía da igrexa española, a identificación de estado e igrexa nas cerimonias con alto contido simbólico non se corresponden co carácter laico das institucións estatais é urxente a adopción de medidas legais para asegurar a separación de relixión e estado.