O BNG comprometido co Sector naval galego
Francisco Jorquera e Carme Adán reúnense con representantes do Sector naval vigués ao fin de iniciar novas reclamacións no Parlamento galego destinadas a este sector industrial
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a portavoz de Industria, Carme Adán mantiveron hoxe, a primeira hora da tarde, unha xuntanza con representantes dos sindicatos do sector naval para trasladar as diferentes iniciativas parlamentarias defendidas por esta forza política e iniciar novos traballos en defensa deste sector industrial.
Jorquera e Adán coincidiron en denunciar a xestión política do PP e de Núñez Feijóo que cualificaron de propaganda e busca permanente de titulares baleiros de compromisos e contido.
Para o BNG, manifestaron, resulta primordial defender o dique flotante de Ferrol, o centro de reparacións do naval de Vigo e sobre todo, demandar o desenvolvemento da Lei Galega do Sector, liñas que esta forza política seguirá defendendo fronte aos incumprimentos do Partido popular con supostos contratos con PEMEX e a inacción dun Goberno que condena ao sector naval galego ao abismo.
O BNG comprometido co naval galego
Os deputados do BNG trasladaron aos representantes sindicais o seu compromiso no Parlamento galego, do Estado e Bruxelas para seguir traballando politicamente no levantamento do veto a Navantia e a aplicación inmediata do Tax Lease porque , ao seu xuízo, Galiza xógase o seu futuro e a supervivencia do sector naval galego.
Jorquera e Adán reiteraron, no seu nome e no do BNG, o apoio ás reivindicacións do sector naval galego en profunda crise por mor da perda de postos de traballo (80% nas comarcas de Vigo e Ferrol) nos últimos anos e criticaron que o Presidente da Xunta sega mofándose desta situación agónica á que agora, tralo viaxe de Feijóo a México, hai que engadir un novo engano, a posible participación de Pemex no sector naval galego.
Os parlamentarios do BNG pedirán un compromiso do Goberno galego para salvar o naval e reclamarán concreción real nos contratos para a construción dos floteis en Galiza, non estamos dispostos a aceptar novas cortinas de fume, concluíron.