O BNG, coas 100 medidas da Iniciativa Lexislativa Popular da CIG para crear emprego en Galiza
Francisco Jorquera felicitou á Confederación Intersindical Galega por escoller o modelo de ILP para defender un modelo económico máis xusto e equitativo e lamentou que unha vez máis, o rolo do Partido popular impedira a súa tramitación en sede parlamentar
O portavoz do Grupo parlamentario, Francisco Jorquera amosou hoxe o voto favorábel do BNG á Iniciativa Lexislativa Popular defendida polo secretario Xeral da CIG, Suso Seixo con 100 propostas para crear emprego en Galiza.
O parlamentario, que vestía unha camiseta co lema República galega iniciou a súa intervención criticando que os Gobernos actúen como monicreques do grandes poderes económicos máis preocupados polos beneficios das empresas do IBEX 35 que pola falta de traballo.
O Pobo galego ten dereito a decidir
Jorquera manifestou que é bo impulsar mecanismos de participación directa como as Iniciativas Lexislativas Populares porque, é bo consultar ao Pobo, manifestou, e o pobo galego ten dereito a decidir, contra a aprobación de Leis Orgánicas pola porta de atrás e vía Express para perpetuar un réxime caduco.
O parlamentario lembrou os innumerábeis debates nos que o BNG defendeu outras políticas contrarias ás que está a aplicar o Partido popular que confirman non servir para saír da crise.
Neste sentido, remarcou que a crise económica está a ser utilizada como escusa acentuando as desigualdades e o empobrecemento da maioría da sociedade, o Estado español xa está a cabeza da Unión Europea en desigualdade sentenciou.
En Galiza, abondou, as consecuencias da crise agravanse pola nosas condicións de periferia económica correndo o risco de converternos nun deserto poboacional e económico.
100 propostas para saír da crise e crear emprego
Francisco Jorquera loubou as 100 propostas defendidas na Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola CIG e avalada por máis de 30.000 sinaturas, o dobre do requirido para a súa defensa na Cámara galega.
Hai que poñer o país a producir desenvolvendo as nosas capacidades e xerando emprego, asegurou. Hai que apostar e fomentar o consumo dos produtos galegos, defender o potencial forestal, leiteiro, enerxético, extraer beneficio da especialización produtiva.É necesaria unha tarifa eléctrica galega, apostar polo coñecemento, pola presenza pública na economía e de maneira especial en sectores como o financeiro, lácteo, enerxético, naval ou redes de comercialización.
Por outra parte, tamén lembrou a denuncia do BNG sobre o espolio do aforro, Galiza resulta unha das poucas comunidades nas que o depósitos dos bancos é superior ao crédito concedido sen embargo, parece un pecado que sigamos reclamando unha banca pública, argumentou.
É necesario investir en servizos públicos e políticas sociais con verdadeiras políticas de inclusión laboral e social porque, os servizos públicos son un xacemento de postos de traballo.
O BNG reclama un Concerto económico para Galiza
Sobre este extremo, o parlamentario denunciou o actual sistema fiscal que chucha aos de abaixo para engordar aos de arriba polo que reclamou unha reforma e que os impostos galegos contribúan ao progreso do noso país. Os galegos e galegos non podemos permitir que os nosos impostos tamén emigren, por iso, afirmou, dende o BNG apoiamos un concerto económico para Galiza.
Esta iniciativa demostra que é posíbel saír da crise cun modelo favorábel á clase traballadora e ao conxunto das clases populares, só é unha cuestión de vontade política, concluíu.
A Iniciativa Lexislativa Popular foi rexeitada polo Grupo parlamentario do Partido popular que impediu a súa tramitación no Parlamento galego.