O BNG apela ás sentenzas do TSXG para derrogar o Decreto do plurilingüismo do PP

A nacionalista acusou de "xenocida" a política lingüística do Goberno galego a través dun  decreto destinado ao "acoso e derrubo" do idioma galego  rexeitado pola comunidade educativa, institucións, universidades e cidadanía

.

No debate celebrado onte, a última hora da tarde no Parlamento galego e na votación de hoxe en sesión plenaria, o PP rexeitou a Proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, Ana Pontón sobre a derrogación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario.

O PP non rectificará a súa política lingüística

Na súa intervención, a parlamentaria pediu ao Goberno galego “unha rectificación” da “política xenocida” do Goberno contra o idioma galego e que tivo a súa máxima expresión nun decreto rexeitado pola comunidade educativa, institucións e universidades así como polos miles de cidadáns que participaron nas manifestacións convocadas pola plataforma “Queremos galego” pero o PP,dixo, “non quixo escoitar a ninguén e continuou coa súa política lingüicida”.

Máis agora, explicou, a todas estas voces críticas dalle amparo o TSXG, que a través de varias sentenzas tumban os alicerces do decreto e cuestionan os instrumentos da Xunta para impoñer unha erradicadora da lingua galega o ensino, fundamentalmente na etapa de infantil nas cidades.

O decreto do plurilingüismo naceu morto

Vai ser a primeira vez na historia da democracia en todo o Estado Español, apuntou a deputada, que un goberno recorre aos tribunais “contra a súa propia lingua”. Mais tamén é certo, engadiu, que vostedes teñen o triste mérito de seren un goberno que por primeira vez en 30 anos, ataca de maneira tan directa e brutal o idioma galego.

A Xunta dedicaralle á lingua en 2013 tan só un terzo do que lle dedicaba o goberno de Fraga hai 20 anos e o orzamento de apoio ao galego representa só o 0.06%, criticou a nacionalista.

Esta partida económica responde, dixo, “a súa obsesión antigalega” e aos deseños centralistas e españolizadores, precursores do espíritu Wert e que, sen dúbida algunha, constitúen “unha traición clara a Galiza”.

A xustificación deste decreto está nun suposto perigo de desaparición do español, cando a realidade confirma que “o único idioma que corre risco de desaparecer é o galego”, concluíu.