O BNG anima a Eduación a utilizar produtos galegos nos comedores escolares
O deputado, Cosme Pombo lembrou que hai un ano o BNG xa denunciaba a estafa do decreto de comedores que pechaba cociñas, suprimía persoal e ofrecía un mal servizo de cátering prestado por dúas empresas privadas.
O deputado do BNG, Cosme Pombo interpelou hoxe ao conselleiro de Educación ante as denuncias contra o servizo de cátering nos comedores escolares con comida de baixa calidade e escasa, cociñada en Málaga e transportada a Galiza.
De 80 puntos que se contemplaban para a concesións do servizo, asegurou o nacionalista, 50 correspondía ao aspecto económico deixando en mínimos a calidade e seguridade alimentaria nos centros de ensino, polo que preguntou ao titular de educación que vai facer para garantir a calidade dos menús, tras as denuncias das AMPAS en moitos centros de ensino.
O conselleiro recoñece que o risco cero non existe e polo momento non se produciu ningún problema grave
Pola súa parte, Román Rodríguez respondeu ao deputado que no actual curso a Xunta aporta máis de 10 millóns de menús ao ano e 72.000 menús diarios, unha parte, explicou, xestionados pola Xunta e outra parte polas AMPAS. O servizo de cátering non é nada novo e as Ampas, maioritariamente, botan man tamén deste servizo.
No momento de recibir as denuncias ás que se referiu o nacionalista, o conselleiro afirmou que se abriron expedientes e se actuou tras constatar as denuncias e no caso de incumprimento rescíndese o contrato. Neste sentido, afirmou, en ningún momento houbo ningún problema de risco da saúde para o alumnado pero se buscou unha solución ponte cambiando ás empresas.
Sobre o aspecto económico situouno nun 60% igual que outras comunidades autónomas, pero o risco cero é imposible e iso non quere dicir que o servizo sexa malo, remarcou.
Cosme Pombo demandou empregar nos menús escolares produtos galegos e de calidade
Na replica ao conselleiro o parlamentario do BNG leu unha denuncia formulada pola AMPA dun centro galego cuxo cátering foi concedido pola Xunta á empresa Col-Servicol que dende o inicio do curso o servizo non está sendo suficiente para os 300 nenos do comedor que deben xantar en dúas quendas, non poden lavar os dentes.Hai nenos con dietas especiais que non están a ser atendidos por no dispor da comida requirida véndose obrigados a xantar na súa casa, a comida chega fría e os dous forniños son insuficientes para quentala, a comida chega en malas condicións e a vaixela en moitas ocasións esta sucia. Esta denuncia, dixo, foi posta en coñecemento ante a empresa, o colexio e a Consellería de Educación.
O caldo faise en Málaga e tras mil Qms comese en Galiza
Para o BNG, dixo o deputado non é normal traer a comida dende 1.000 Qm a 2.75 euros o menú, pagando persoal e transporte. Con estes custes, afirmou, non se pode dar boa comida polo que reclamou a xestión directa nos comedores escolares con produtos próximos a nós, peixe,leite, verduras, carne...produtos galegos de calidade e creando postos de traballo no noso país.
O parlamentario concluíu a súa intervención animando ao conselleiro a ofrecer nos comedores escolares comer caldo galego e non comida de plástico, sae máis barato e ten máis calidade.