O BNG acusa a Rocio Mosquera de empregar fondos europeos para privatizar a Sanidade
Montse Prado criticou que a conselleira non compareza para explicar o incremento das lista de espera, o peche de camas nos hospitais ou o nomeamento do seu home e fágao para informar dos proxectos con fondos europeos para empresas privadas
Pleno.- A deputada do BNG, Montse Prado acusou á conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera de utilizar os fondos europeos para que empresas privadas xestionen a sanidade pública de Galiza e neste proceder, dixo, non atoparán vostedes a compracencia do BNG.
Tras a comparecencia da titular de Sanidade en pleno, a petición propia, para informar dos proxectos con financiamento europeo nos que participan a Consellería e Servizo Galego de Saúde, a nacionalista lanzou duras críticas contra Mosquera por non comparecer para explicar o aumento das listas de espera, o nomeamento do seu home, o peche de camas nos centros hospitalarios e o permanente desmantelamento da sanidade pública galega.
Na súa intervención, a nacionalistas advertiu que as empresas finalistas dos fondos europeos converteranse nas donas da sanidade pública de Galiza polo que volveu preguntar pola contía dos fundos e o número de empresas galegas e non galegas beneficiarias das subvencións, extremo sobre o que a consellería non se quixo pronunciar.
A parlamentaria insistiu na intención do Partido popular de desmantelar a sanidade pública galega e salientou a carencia de material provocado pola privatización dalgúns servizos como o de lavandería que taxan o uso de roupa a utilizar e provoca a falta de sabaniñas nos servizos de xinecoloxía, ademais doutros produtos necesarios para á atención sanitaria. Sigan vostedes, dixo, negando a realidade que @s pacientes están a padecer día a día.
Finalmente, Prado recalcou que o progreso non é entregarlle os recursos galegos a multinacionais de fora, nin no sector naval nin na sanidade pública. Non van ter a compracencia do BNG para esa entrega, concluíu.