O BNG acusa o Goberno de mirar para outro lado e non buscar solución ao conflito de Povisa
As deputadas do BNG, Monste Prado e Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso mantiveron unha xuntanza co comité de empresa para coñecer de primeira man a situación dos traballadores
As deputadas do BNG Monste Prado e Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso trasladaron o apoio do Bloque aos traballadores e traballadoras de Povisa, e aseguraron que o goberno galego ten moita responsabilidade no conflito que acontece desde hai anos neste centro hospitalario. As responsables nacionalistas acusaron ademais á Xunta de mirar para outro lado en lugar de buscar solucións xustas para os traballadores e traballadoras e axeitadas para os pacientes do centro.
O goberno galego tamén ten responsabilidades por non velar por que non se cumpran as sentenzas xudiciais e por non preocuparse de garantir a calidade da sanidade que se preste aos doentes, salientou Monste Prado en declaracións previas á xuntanza que tanto ela como a deputada Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso mantiveron co comité de empresa de Povisa.
Segundo manifestou Prado, a conselleira de Sanidade non pode mirar para outro lado, aínda que sabemos que é usuaria da porta xiratoria. Pero ao seu xuízo, Feijoo tampouco pode mirar para outro lado diante das condicións laborais e sanitarias que se están producindo no centro.
A situación que se vive en Povisa non se pode permitir en ningún caso, pero con cartos públicos menos, subliñou a deputada nacionalista, quen acusou á Xunta de poñerse de lado da empresa pero non do lado dos traballadores e dos doentes.
Denuncia en Madrid
A presidenta do comité de empresa, pola súa banda, explicou que esta mañá trasladaron as súas queixas á Inspección de Traballo, en concreto á inspectora Ana Pousa. Asemade manifestou a súa incredulidade polo feito de que o inspector co que onte se puxeron en contacto xustificara a contratación de traballadores para substituír ao persoal en folga.
Estamos dispostos a denunciar á Inspección en Madrid polo incumprimento do convenio e o incumprimento de sentenzas xudiciais, asegurou María Xosé Neira, quen criticou que en Vigo Inspección teña boas palabras pero mire para outro lado.
Avanzou que o comité de empresa espera retomar a folga en 10 ou 15 días unha vez que estea garantido o cumprimento dos servizos mínimos.