Adán: "A secretaria de Igualdade asume a lei Wert a pesar de ser discriminatoria"
Para a deputada do BNG, Carme Adán é difícil de entender que a persoa que debe pular pola igualdade entre homes e mulleres asuma a Lei Wert que segrega aos alumnos por razón de sexo
A deputada do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta parlamentaria á Secretaria de Igualdade relativa aos centros que segregan ao alumnado á que a titular d Igualdade, Susana Abella respondeu que a LOMCE, actualmente en trámite, reafirma a cobertura legal con financiamento público aos centros con opción educativa diferenciada por sexo.
A deputada do BNG criticou que a persoa responsable de pular pola igualdade entre homes e mulleres asuma sen ningunha reticencia unha lei educativa que colide coa educación de nenos e nenas en igualdade de condicións.
Adán mostrou a súa sorpresa ao escoitar da titular de Igualdade que a ningunha familia se lle impón que as súas fillas e fillos acudan a estes centros, e reprochou a Abella reproducir a demagoxia do Partido popular en estado puro aínda que isto rache, dixo, cos principios da secretaria xeral que dirixe.
Para a nacionalista, o argumentario de Abella confirma a cobertura da LOMCE aos centros segregacionistas o que culificou de desvergoña do Sr. Wert e acusou ao Ministro de Educación, ao PP e a propia secretaria xeral Igualdade de estar en séculos anteriores.
Despois de toda unha lexislatura e de tentar anular os concertos cos centros que segregan, afirmou, eu non cuestiono a elección de país e nais pero si que se pague con cartos públicos.
A nacionalista reiterou que o BNG non acepta que os nenos e nenas sexan separados por: discapacidade, sexo ou cor da pel, e lembrou que igual que a secretaria de Igualdade apela a liberdade de elección, os nenos e nenas que son transportados e non teñen liberdade para elixir outro cole, se lles quita o comedor escolar porque non teñen esa liberdade de elección da que vostede fala para escoller outro cole.
Adán negou que o Partido popular garanta a liberdade de elección, porque o PP, paga con fundos públicos credos confesionais que non consideran iguais aos homes e mulleres co obxecto de estudar en aulas diferenciadas, con profesores diferenciados e coa acceso diferenciado aos currículos escolares.