Adán reprocha ao conselleiro de Industria apoiar un modelo colonial de minería en Galiza
A nacionalista criticou que unha empresa canadiana extraia ouro en Corcoesto a pesar das graves consecuencias medioambientais e económicas que provocará na zona
Na pregunta ao goberno sobre o futuro da explotación da mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto, a deputada do BNG, Carme Adán reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde apoiar un modelo colonial e contaminante en Galiza para beneficiar a unha empresa canadiana.
Na intervención, Adán que vestía unha camiseta co lema non á Mina, saudou aos veciñ@s de Corcoesto asistentes ao debate parlamentario e a un gran número de afectados que permanecían nas inmediacións do Parlamento reclamando a paralización do proxecto mineiro.
Un proxecto que incumpre as condicións de proxecto industrial
Adán lembrou que no ano 2012, o BNG trouxo á Cámara galega diversas iniciativas sobre a mina de Corcoesto por entender que o proxecto responde ao rostro da colonización na que unha empresa canadiana, á que no seu país as normas medioambientais lle prohiben extraer ouro nas súas montañas, descubre en Galiza un paraíso e conseguindo que un goberno aprobara unha lei industrial que daba vía libre a este proxecto.
A deputada negou unha a unha as condicións polas que foi aprobado o proxecto e afirmou que non existe nin o desenvolvemento tecnolóxico nin a xeración de emprego, utiliza a técnica máis barata, cada día 1.400 quilos de cianuro serán empregados con consecuencias moi graves para a poboación galega.
A parlamentaria salientou que só a Xunta apoio este espolio e pediu ao titular de Industria que teña en conta a gran contestación social contra un proxecto mineiro que só traerá problemas ao noso país.
Adán tamén aludiu ao mínimo impacto no emprego, segundo a Xunta 512 postos de traballo directos e 1.000 indirectos que finalmente, afirmou a nacionalista, a propia empresa fíxa en 133 directos e 150 indirectos.
Gran resposta social contra a mina de Corcoesto
Para a deputada, a Xunta non pode facer ouvidos xordos ás peticións das asociacións veciñais, da Plataforma en defensa de Corcoesto e da cidadanía que pide minería pero unha minería, puntualizou, sustentable e con recursos e que produza riqueza en Galiza.
Non a colonización de multinacionais, queremos proxectos que xeren emprego e que non destrúan o noso medioambiente, concluíu.