Adán reclama medidas que muden a actual situación de precariedade laboral das mulleres
A parlamentaria reclamou crear un grupo especial de traballo sobre a fenda salarial en Galiza e medidas de integración da muller no mercado laboral en condicións de igualdade
Pleno.- A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de lei na que reclamou elaborar un plan de emprego feminino ante os alarmantes datos de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas.
Adán iniciou a súa intervención afirmando que hoxe existe unha lexislación contra as mulleres mozas no tocante á liberdade para decidir sobre a súa maternidade pero este non é o único dereito que o Partido popular quere arrebatar as mulleres no Estado español e Galiza. Esas mozas de 16 ou 17 anos, explicou a nacionalista, teñen capacidade para traballar ou someterse a unha intervención de cirurxía estética pero non a decidir sobre a súa maternidade e se vemos os datos, só en escasos casos non contaron co acompañamento dos seus país ou nais na interrupción dun embarazo.
Dereitos laborais das mulleres
A parlamentaria recalcou que as políticas de recortes impulsadas polo Partido popular, frearon de maneira drástica a posta en marcha de políticas de igualdade e polo tanto de traballo en igualdade para as mulleres en Galiza. Neste sentido, explicou, as mulleres de menos de 35 anos abandonan o traballo e as de máis de 45 anos son condenadas a perder o seu posto laboral e tamén os anos de cotización.
As secretarías das organización sindicais son contundentes nos datos sobre a situación laboral das mulleres o que fai necesario, afirmou, activar medidas que modifiquen esta realidade.
Parafraseando a Simone de Boauvoir, a nacionalista lembrou que só a independencia económica e laboral conseguirá rachar cos estereotipos de xénero polo que reivindicou elaborar un plan de emprego feminino que remate coa fenda salarial en Galiza, á cabeza do Estado español, medidas específicas contra a precariedade laboral das mulleres, unha liña de axudas para a creación de empresas femininas de mulleres de máis de 45 anos e unha axuda para desempregadas con longa traxectoria laboral.
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular respondeu á deputada do BNG que as mulleres son unha prioridade para o Goberno galego en programas e obradoiros de emprego, así como en iniciativas de fomento do emprego feminino, igualdade salarial e conciliación.
A parlamentaria acusou ao PP de falsear a realidade e paralizar todas aquelas propostas iniciadas hai seis anos destinadas a incorporar as mulleres ao mercado laboral e igualdade de condicións.
A figura de Eduardo Galeano presente no debate
A parlamentaria rematou a súa intervención cunha lembranza in memoriam de Eduardo Galeano coa cita do escritor uruguaio: Non hai muller que non resulte sospeitosa da mala conduta. Segundo os boleros son todas ingratas e segundo os tangos todas putas, menos mamá!!!. Confirmacións do dereito de propiedade. O macho propietario comproba a golpes o seu dereito de propiedade sobre a femia, boa torta á humanidade. Eduardo Galeano, Patas arriba.
Carme Adán tamén lembrou a Mónica, unha muller de Vigo que acaba de sufrir a violencia do machismo e que permanece ingresada no centro vigués Povisa tras ser acoitelada pola súa exparella.