Adán denuncia que o Goberno de Feijóo dedicouse a paralizar o sector eólico e acumular sentenzas
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Carme Adán preguntou hoxe ao conselleiro de Facenda Valeriano Martínez que pensa facer o Goberno ante a sentenza referida ao réxime fiscal dos parques eólicos.
Pola súa parte, o conselleiro respondeu que o Goberno presentou diversos recursos contra as sentenzas e toca agardar polo que resolva a xustiza, que será nun prazo de varios meses. A deputada replicou que a resposta do conselleiro obriga ao sector eólico a seguir agardando para saír do parón o que conduciu o Partido popular no sector das enerxías renovábeis.
Levamos sete anos de goberno de Feijóo, dixo a deputada, que pasarán á historia por moitos desastres e sobre todo pola perda de competitividade, estar no cuarto posto e non executar todos os megavatios prometidos.
A parlamentaria do BNG lembrou que o Partido popular anunciou un Plan Industrial para Galiza con 14 mil millóns de euros e a promesa de 6.000 postos de traballo. Hoxe, comprobamos que só foron mobilizados 400 millóns de euros, a parálise total e absoluta do sector ao que hai que sumar a inseguridade xurídica e as sentenzas que se amorean.
Vostedes mudaron o concepto de participación pública do sector polo canon eólico coa consecuente paralización. Dende o BNG consideramos que a política de Feijóo no ámbito eólico merece un suspenso absoluto, concluíu.