Adán alerta da "Primavera negra" que vive a Industria galega
A nacionalista acusa ao PP de preocuparse máis por reducir a democracia que por impedir a caída libre e sen rede do tecido industrial en Galiza
A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán compareceu hoxe ante os medios de comunicación para presentar diversas iniciativas dirixidas a frear a destrución do tecido industrial galego.
Na súa intervención, Adán lamentou que o Partido popular gaste as súas enerxías en reducir a democracia cando o tecido industrial galego está a vivir o período máis negro da súa historia.
A deputada afirmou que a actividade industrial galega segue en caída libre en sen rede e vivindo unha primavera negra cunha continúa destrución de empresas e postos de traballo.
No mes de abril, dixo, perdéronse postos de traballo en T-Solar, Pórtico, Unísono, Caramelo, Gamesa e materializáronse EREs nas empresas auxiliares de automóbiles. O sector eólico vive nunha absoluta parálise ante a inoperancia da Consellería de Industria e e unha actitude de mero espectador por parte do Goberno de Feijóo.
Pescanova, empresa sistémica para a economía galega
Para a nacionalista, esta sangría de postos de traballo no tecido industrial galego verase incrementada se non se arranxa definitivamente a grave situación económica pola que atravesa Pescanova.
O conselleiro de Industria, debe comparecer no Parlamento e explicar o que está acontecendo co tecido industrial galego no que nos últimos catro anos foi destruído o 60 por cento na comarca de Vigo, nós estimamos, engadiu, que esta realidade é extensible a toda Galiza de aí a nosa reclamación para que compareza Conde na Cámara galega.
Ao seu xuízo, o titular de industria debe explicar que plan de viabilidade para Pescanova vai poñer en marcha o seu departamento destinado a garantir a actividade da empresa e os postos de traballo e tamén debe explicar as razóns polas que a Xunta negou os avais necesarios para reflotar esta empresa.
IGAPE e Sector Eólico paralizados
Sobre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Adán propuxo reconvertelo nun organismo máis áxil para dar crédito as industrias e empresas galegas e pediu que o conselleiro de Industria valore a posibilidade de transformalo nun Instituto de Crédito oficial galego co fin acudir aos mercados financeiros e xerar crédito real.
Outra das propostas presentadas polo BNG teñen a ver co sector eólico, neste momento, dixo, paralizado, con empresas deslocalizadas e outras moitas pechadas definitivamente.
Neste aspecto, Adán lembrou que Canarias acadou o compromiso do Goberno central para obter un sistema de primas ás enerxías renovables antes do verán, o BNG, indicou, leva pedindo dende o cambio da normativa no Estado, que o ministro e o propio Rajoy analicen a situación galega, e ao igual que Canarias, sexa eliminada a penalización a estas enerxías restituíndo as primas.
O PP quere reducir a democracia en Galiza
A preguntas dos xornalistas sobre a proposta do Partido popular de reducir o número de deputad@s na Cámara galega, Adán, afirmou enerxicamente que, en Galiza existen graves problemas como o de Pescanova e a destrución do sector eólico pero poderiamos tamén referirnos a outros sectores castigados economicamente como o do comercio. Eses son os grandes problemas que temos hoxe, importantes problemas que a Xunta non está ou non quere resolver.
A parlamentaria lamentou que a gran preocupación do Partido popular sexa reducir a democracia, gustaríame ver a Feijóo preocupado pola industria e polos postos de traballo que se poden perder en Pescanova, ese debería ser o seu cometido, mágoa que non teñamos goberno nin nada parecido, concluíu.