Adán acusa ao Goberno de estar ao lado de Fenosa na liña de Alta tensión de Catasós
A deputada pediu ao conselleiro de Industria que impida o impacto que producirá a instalación da liña e apoie as reivindicacións dos veciños e veciñas na defensa do patrimonio natural das Fragas de Catasós
A parlamentaria do BNG, Carme Adán volveu preguntar hoxe o Goberno galego polo impacto da liña de alta tensión entre o Irixo e Lalín no conxunto forestal próximo o Monumento Natural das Fragas de Catasós e Rego de Quintela.
A deputada, tras saudar a Plataforma Salvemos as Fragas de Catasós presente no debate desde a tribuna pública, lembrou que o argumento esgrimido por Fenosa é que non se producirá afectación de servidume, afirmación contraria o contido na Lei de protección de Incendios.
Adán asegurou que a plataforma, xunto a veciños e veciñas de Lalín defenden o patrimonio natural da comarca do Deza e en concreto, as Fragas de Catasós e Casas Vellas. Vostede debe saber, dixo, que a dirección xeral de Enerxía e Minas autorizou a licenza para a liña de alta tensión, a pesar de que estraga o patrimonio natural da comarca do Deza.
Despois da presión cidadá, engadiu Adán, Fenosa comezou a dar solucións como elevar as torretas ou concentrar o paso dos cables para minimizar a tala de árbores pero isto, remarcou non chega e o que debe facer é soterrar a liña de alta tensión.
O soterramento, apuntou representa unha solución pero supón un custe económico que Fenosa non está disposta a facer, a pesar dos 1.239 millóns de euros de beneficios acadados pola empresa, ate setembro do 2014.
Cál é a postura do Goberno galego, estar ao lado de Fenosa ou da protección natural de Catasós? preguntou Adán.
O conselleiro de Industria, igual que Fenosa, desbota soterrar a liña eléctrica
Pola súa parte o conselleiro de Industria, Francisco Conde afirmou que o Goberno está ao lado da legalidade aprobando o proxecto e a favor de elevar o tendido a 35 metros de altura para que as obras só afecten a seis carballos da Fraga de Casas Vellas e non a 463 árbores autóctonas como inicialmente. A Xunta non está habilitada para determinar os trazados das liñas eléctricas pero ningún proxecto ten afectación cero, afirmou.
Tras a intervención do conselleiro, a deputada reiterou que a lei obriga a afección de servidume e Fenosa incorre en chantaxe anunciando que a liña permitirá un importante aforro para as empresas cando en realidade, explicou Adán, en todo o Estado español 423 empresas poden acollerse a esta redución de factura. En Galiza só oito empresas son beneficiarias desta redución , entre elas, Megasa, Navantia-Fene en Ferrol, Reganosa ou Citroën en Vigo. Dígame vostede que empresas de Lalín van acollerse a este desconto.
O Goberno, concluíu a nacionalista, demostra estar, unha vez máis, ao lado de Fenosa.