Vence salienta o traballo do BNG nos concellos onde goberna e a traxectoria en defensa de Galiza

Replica a Feijóo que a estabilidade das maiorías do PP trouxeron “parálise e corrupción aos concellos que goberna”

Coloca Rianxo, -coa loita en defensa do xeito ata Bruxelas-, como exemplo dun alcalde que acredita nas posibilidades deste país

O portavoz nacional no mitin de Rianxo fixo un chamamento a elixir a opción BNG-Asembleas Abertas centrándose en dous argumentos: o aval do traballo feito nos concellos alí onde goberna, libres de corrupción e a favor da xente, e a traxectoria histórica do Bloque en defensa do país.

“Pedimos o apoio para un proxecto nacionalista que defende os intereses do país tamén desde os concellos, que sería de Galiza sen un nacionalismo como o que representa o BNG para defender o noso aforro, para defendernos do espolio, para defender o agro e a pesca, os nosos recursos enerxéticos, que sería deste país sen un nacionalismo que defendese a súa cultura e a súa lingua?”, argumentaba.

O 24 de maio é a primeira oportunidade para derrotar ao PP e, nese sentido, fixo fincapé en que BNG-Asembleas Abertas é a única alternativa nacionalista de esquerdas que disputa terreo ao PP, “palmo a palmo”, en todo o país e non só nun puñado de cidades. “Non somos unha improvisación de última hora, estamos na rúa ao lado da xente, non nos platós de televisión”.

Durante o mitin, Vence, ironizou sobre a estratexia do PP alertando sobre as “ensaladas” de siglas en contraposición á suposta estabilidade das maiorías populares nos gobernos locais.

“Descubrimos estes días que a Feijóo non lle gustan as ensaladas, dixire mellor as maiorías absolutas, as mesmas que durante catro anos encheron Santiago de corrupción e paralizaron a cidade, esa é a estabilidade que garanten as maiorías do PP”, denunciou Vence.

“Non queremos a estabilidade das augas mortas dos encoros, que permite negociar ao PP coas empresas amigas para entregarlles o 50% dos orzamentos dos nosos concellos, non queremos a estabilidade que lle permite ocultar a realidade e roubar en paz”, criticou, “no BNG-Asembleas Abertas queremos as augas vivas do mar da Arousa, queremos gobernos para transformar a realidade e construír país desde os concellos”.

O dirixente nacionalista tamén atribuíu “ao medo a perder o poder” o cambio de discurso do presidente popular sobre os pactos entre partidos.

“Como a conversión de Saulo camiño de Damasco, ou coa mesma firmeza que Groucho Marx nos seus principios, o señor Feijóo pasou de dicir que os pactos eran a peste a dicir que formaban parte do ADN do PP. O seus principios mudan cando ten medo a perder o poder municipal en moitas cidades e concellos do país”, alegou.

Espirito de Riotorto

Apelou ao “espírito de Riotorto” para condensar o modelo de goberno en defensa dos servizos públicos, “en lugar de privatizalos para beneficio dun grupo de lobbies madrileños”, goberno a favor dos máis desfavorecidos fronte aos recortes do PP e limpos de corrupción.

Vence puxo como modelo de goberno nacionalista o traballo desenvolvido polo rexedor nacionalista e candidato Adolfo Muíños, “exemplo de como se pode gobernar un concello cando ten ao fronte un alcalde e unha equipa que cree nas posibilidades deste país, defendendo con uñas e dentes aos sectores produtivos mesmo en Bruxelas como no caso do sector do xeito.

No mitin en Rianxo ademais de Muiños e Vence, tamén participaron candidatos de Boiro, Riberia e A Pobra.