Vence propón iniciar o diálogo para fixar unha posición común contra o recorte da Cámara galega

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, dirixiu unha carta aos responsables das restantes forzas políticas no Parlamento para iniciar canto antes os contactos de cara a negociar unha “posición común” ante a proposta de recorte da Cámara galega que pretende sacar adiante unilateralmente o PP.

Na carta remitida onte a Besteiro, Beiras e Díaz, como responsables do PSdG-PSOE, Anova Irmandade e EU respectivamente, Vence propón “un encontro a nivel parlamentario para pór en común as propostas de todas as formacións políticas e, desde o diálogo, chegar a unha posición común”. Este encontro terá lugar a vindeira semana no propio Parlamento coa presenza, por parte do BNG, do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera.

“Dada a importancia do asunto e desde a certeza de que compartimos a esencia dos obxectivos, propoñemos iniciar un diálogo con todas as forzas políticas de cara a conformar unha fronte común que se plasme nunha alternativa ao recorte do Parlamento que pretende o PP”, explica o dirixente nacionalista no escrito.

Vence salienta ademais o seu convencemento de que esa fronte común é o que espera a cidadanía: “A sociedade galega espera que evitemos esa contrarreforma involucionista, e contrastar as nosas propostas para elaborar unha posición común permitiríanos gañar en eficacia política para conseguilo”, argumenta na carta.

O dirixente do Bloque subliña que a proposta do PP que preside Alberto Núñez Feijóo “ten unha repercusión que vai máis aló dunha redución de escanos, pois afecta directamente á estrutura institucional do País, á calidade democrática, ao autogoberno e ao peso político de Galiza no conxunto do Estado e consolida un sistema electoral con enormes desequilibrios”.

Neste sentido, o BNG propón unha modificación da Lei Electoral para evitar ese desequilibrio “e acadar que o voto dos galegos e galegas teña o mesmo valor con independencia de que se poda introducir algunha corrección nos territorios con menos poboación”, indica o portavoz nacional.

O BNG ven de presentar unha proposta alternativa co obxectivo de preservar a integridade do Parlamento, acadar un sistema electoral que permita que o expresado nas urnas se traslade coa maior fidelidade á Cámara de representación da cidadanía, e acadar un aforro real de recursos públicos.

En concreto, propón a supresión das deputacións provincias que contabilizan un gasto de persoal de 131 millóns de euros anuais, a administración periférica do Estado, -delegación do goberno e ministeriais-, cun aforro de 40,5 millóns ao ano, os asesores nomeados a dedo polo presidente da Xunta, sen descartar tampouco recorte de gasto no Parlamento, empezando polo Mesa da Cámara e o salario da Presidencia.