Vence no encontro nacional de cadros do BNG: "Imos ben, pero aínda temos que ir mellor"

O BNG celebrou un encontro nacional de cadros institucionais e orgánicos que congregou a cerca de 300 persoas no auditorio municipal de Rianxo,  ás que o portavoz nacional, Xavier Vence, se dirixiu para salientar os dous grandes obxectivos da acción política que marcan a folla de ruta inmediata do BNG: “loita sen tregua” contra as políticas de recortes, “involucionistas e regresivas” do PP e da Troika, e afianzar a recuperación social do Bloque que apuntan as enquisas e camiñar con ese apoio cara unha Galiza soberana.

“Imos ben, pero aínda temos que ir mellor”, arrancou Vence.

En relación ao primeiro obxectivo, o dirixente nacionalista reafirmouse non que denominou Espírito de Riotorto, “unha forma de facer política nesta conxuntura crítica baseada na prioridade social, na rebeldía cidadá e na insubmisión institucional”, que Vence traduce en cinco puntos de acción política.

“Demostrar claramente con feitos” que estamos ao lado da maioría social, segundo, reforzar a estratexia de rebeldía e insubmisión ás políticas de recortes e de regresión fiscal do PP, terceiro, mostrar desde os concellos nos que goberna o BNG que é posible facer outras políticas con outras prioridades, cuarto, “facer un uso valente das institucións sobre todo desde o poder municipal, que pode ser unha trincheira que complemente a loita da cidadanía na rúa”. En quinto lugar, “evidenciar que é necesario ser áxiles e oportunos nas respostas a inacabable batería de medidas contra o país e a cidadanía”.

 “O que Feijóo e Rajoy chaman saír da crise é, en realidade, pasar do purgatorio temporal ao inferno permanente”, advertiu Vence, posto que o PP está “radicalizado” é aproveita a crise para facer un cambio de modelo do estado do benestar, privatizando os servizos públicos, e un cambio do modelo competencial, “cara a recentralización esmagante.

“Coas políticas do Goberno estatal e da Xunta o único que medra en Galiza é o paro e a emigración”, recalcou. “Os recortes e as privatización son a suma de centos de decisións que, sen desmaio, executa Feijóo e Rajoy, coherentes entre si, para desmantelar o estado do benestar”, denunciou.

O segundo obxectivo desta posta a punto da organización pasa por afianzar e avanzar na recuperación social do BNG que apuntan as enquisas, cunha estrutura “cohesionada e ilusionada” que traballa ao lado da cidadanía, dos colectivos e movementos sociais máis activos, na rúa, nos sectores públicos e nos centros de traballo.

Primeira opción fronte a dereita

“Non imos rendernos porque o futuro de Galiza depende da nosa loita. Somos o partido da dignidade, dos que acreditamos no futuro deste país”, salientou Vence, quen subliñou que nesa defensa é “estratéxico” avanzar na soberanía.

“Unha soberanía que nos permita contar coas mellores ferramentas para decidir o noso futuro, defender os nosos sectores produtivos, para gobernar de acordo aos intereses da sociedade deste país, crear emprego e riqueza, conservar os servizos públicos e unha calidade de vida que faga que esta mereza a pena ser vivida, e vivida aquí”, argumentou.

Vence concluíu a súa intervención antes os centos de cargos institucionais e orgánicos nacionalistas “a traballar arreo para converter ao BNG na primeira opción fronte a dereita que representa o PP, é unha meta ambiciosa pero alcanzable”, concluíu.

A este encontro nacional de cadros institucionais asistiron os integrantes do Consello Nacional, a dirección nacional de Galiza Nova, deputados e deputadas do Parlamento galego e do Congreso, concelleiros e concelleiras e integrantes dos Consellos comarcais.

Galería de imaxes do encontro nacional de cadros orgánicos e insitucionais en Rianxo.

http://www.flickr.com/photos/54585288@N07/sets/72157638209767943/