VENCE: "O Goberno galego sabe que está a incumprir obrigas estatutarias"

O portavoz do BNG denuncia o “ataque á tutela xudicial efectiva” que provocará a eliminación dos partidos xudicial prevista por Gallardón

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence compareceu hoxe, ante os medios de comunicación xunto a portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila e a portavoz de Xustiza no Parlamento galego, Tereixa Paz.

No transcurso da rolda de prensa, as deputadas presentaron diversas iniciativas contra a reforma da planta xudicial promovida polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.

As deputadas nacionalistas aseguraron que de ir adiante a proposta do Partido popular, cidades como Vigo, Ferrol ou Santiago de Compostela e municipios cabeceira de comarca serán privados de partidos xudiciais o que provocará “un autentico caos e o empeoramento do servizo á cidadanía”.

Para as deputadas, o Partido popular debe “paralizar esta reforma” porque resta autonomía e incrementa gravemente os gastos da cidadanía no acceso á Xustiza así como a obriga de percorrer entre 120 e 130 Qms para iniciar calquera proceso xudicial.

Olaia Fernández Davila e Tereixa Paz defenderon “unha xustiza en función do territorio” e non a “centralización” proposta polo Goberno central, “dende Galiza, afirmaron, é preciso que o Goberno galego se pronuncie contra este novo ataque e reclame a paralización inmediata da reforma.”

Modelo recentralizador, inxusto e caro

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG pediu a retirada da reforma por incidir negativamente nunha planta xudicial “á marxe do territorio, das CC.AA e contra a economía local” e explicou que a modificación da lei persegue o “oligopolio dalgúns bufetes madrileños fronte aos pequeno despachos de avogad@s ubicados nas localidades galegas”.

Vence denunciou que o “Goberno galego non está a cumprir coas obrigas estatutarias en materia de Xustiza e reclamou da Xunta iniciar os trámites para a súa transferencia”.

Para o portavoz do BNG, “a Xunta e o Goberno central manteñen a mesma estratexia”, o goberno de Galiza, dixo, segue “fielmente” os ditados marcados por Madrid como demostran as reformas de Alberto Ruíz Gallardón e José Ignacio Wert.

Vence anunciou que o BNG seguirá reclamando a paralización das reformas de Xustiza e Educación nas distintas institucións e apoiará as mobilizacións da cidadanía galega contra estes novos ataques que supoñen un “retroceso de décadas”.

Proposta de Feijóo para reducir deputados

A preguntas dos xornalistas sobre a intención do Goberno galego de reducir o número de deputados/as na Cámara galega, o voceiro nacionalista manifestou que a intención de Núñez Feijóo é “ reducir a importancia dos poderes e laminar as competencias”. Na súa opinión, diminuír a cifra de parlamentari@s “non reducirá os custes”, reducirá a “relevancia política e institucional do Parlamento” que é o quere facer o PP en Galiza, concluíu.