Vence: “o que se fai en Pontevedra é 100% BNG, a guía do que queremos facer desde todos os concellos”

Ironiza sobre a sintonía de Rajoy coa cidade ofrecendo a permanencia de ENCE na Ría, “xusto o que a veciñanza quere”

O portavoz nacional, Xavier Vence, colocou Pontevedra, “a cidade do Lérez/a cidade do Lores”, como emblema do modelo de goberno do Bloque Nacionalista Galego. “O que se fai en Pontevedra non é unha excepción, é 100% BNG, é a guía do que queremos facer en todos os concellos do país, un modelo que implantamos alí onde gobernamos”.

Vence subliñou o “orgullo da remuda completa” experimentada pola cidade grazas a solidez e coherencia do proxecto desenvolvido pola equipa que lidera Miguel Anxo Fernández Lores, levado adiante “con valentía” e coa participación e colaboración “xenerosa” de moita xente, veciños e veciñas. “Que algúns se empeñen en negar os logros só pode obedecer a que os intereses os cegan”, dixo.

O dirixente nacionalista salientou a “sintonía” de Lores ca xente da cidade, fronte a outros que “se deixan caer en campaña, porque só ven Galiza como unha despensa de votos”, en relación a Mariano Rajoy de mitin en Pontevedra.

“Soltará a milonga da recuperación económica e cantará as excelencias da súa política de recortes, recortes en servizos básicos, recortes de salarios, recortes no benestar, recortes e recortes para a xente do común, a que ten contra as cordas. E para pechar a súa oferta electoral, dirá que Pontevedra non pode prescindir de ENCE!”, ironizou para subliñar a “sintonía” do presidente do PP co sentir da cidade.

Enredar coa pasta

O 24M temos a oportunidade de seguir construíndo Pontevedra e lanzar unha “mensaxe clara” de rexeitamento ás políticas do PP, dixo, instando a “quitar do medio o que representa un Feijóo sempre submiso a Madrid e as grandes empresas madrileñas, amigas de Rato, Aznar e Aguirre”. Non fixo nada por Pontevedra, criticou, “salvo enredar, como volve facer agora con Ence, porque parece que lle interesa a pasta”.

Ninguén aposta máis pola industria do país co BNG, salientou, “pero localizada onde corresponde, sen que contaminar unha ría rica para o marisqueo e o turismo”.

Vence concluíu coa seguranza de que Pontevedra seguirá baixo o rumbo dun proxecto nacionalista tras o 24M e, máis pronto que tarde, coa Ría libre de ENCE.