Tereixa Paz: " O Plan termal de Ourense non ten orzamento da Xunta"
Para a deputada do BNG, a resposta de Turismo constata que deberá ser financiado por investimentos privados
A través dunha pregunta parlamentaria formulada pola deputada do BNG, Tereixa Paz na comisión de Industria, a directora da Axencia de Turismo confirmou que os grandes investimentos previstos para o Plan Termal de Ourense deberán ser financiados por investidores privados interesados no sector, nin Xunta, nin Deputación nin concello investirán no Hotel Termal de Ourense, afirmou.
Pola súa parte, a nacionalista considerou que os tres aspectos centrais aos que debe responder a Xunta formaban parte dos compromisos realizados co fin de materializar o devandito plan que o propio presidente da Xunta cifrou en 166 millóns de euros, que existían contactos con investidores e que o Goberno galego empregaría fondos no proxecto.
A parlamentaria, tras escoitar a responsábel de Turismo afirmou estar ante un recetario ou guía cunha relación de posíbeis inversións e a espera de que aparezan alguén con cartos que queira investir en Ourense, isto non é un Plan Termal dixo e denunciou o novo intento de engano aos cidadáns de Ourense por parte do Goberno galego que xa nos ten acostumad@s a anuncios de investimentos e creación de postos de traballo para logo non cumprir o comprometido.
A nacionalista cuestionou que o único executado con cartos públicos da totalidade do Plan termal sexa curiosamente a rehabilitación do Castelo de Monterrei para convertelo en parador.
Resulta un paradoxo , abondou, que na única actuación na que a Xunta gastará máis de 4 millóns de euros públicos sexa para regalarlla ao Estado, a Paradores nacionais para que a explote, cando hai un parador medio pechado a 300 metros. Paz engadiu que as actuacións de recuperación termal en Cabreiroá e Caldeliñas tampouco contan con financiamento público.
Só nos queda confiar que toque a lotaría en Ourense
Tereixa Paz lamentou que as institución públicas e o PP xoguen coas ilusións e expectativas das persoas desempregadas e da cidadanía de Ourense. "Nada novo, só anuncios sen compromisos nin públicos nin privados, o único que nos ofrece ese plan termal para Ourense é agardar que nos toque a lotaría, concluíu.