Tereixa Paz: "A fraude e a mentira son o gran capital político de Feijoo"
O BNG pide a dimisión de Mato e unha explicación de Feijoo sobre o ERE encuberto na Administración galega
A portavoz de Administración pública do BNG, Tereixa Paz presentou hoxe, en rolda de prensa, unha batería de iniciativas parlamentarias destinadas a parar o ERE encuberto impulsado pola Consellería de Traballo que afecta a persoal indefinido e interino.
A parlamentaria nacionalista afirmou que, para o Presidente da Xunta o fraude e a mentira son o seu maior capital político porque durante a campaña anunciou que o Partido popular non pediría más esforzos e sacrificios aos empregados públicos e transcorridos dous meses, someteunos a chantaxe de escoller entre unha nova rebaixa salarial para o ano 2013 ou despedimentos na Administración galega.
Feijoo debe explicar o ERE na Administración
Neste sentido, dixo, a Xunta optou unilateralmente por impoñer unha rebaixa salarial que se está a tramitar no Parlamento, vía orzamentos pero sen estar aprobados, xa aparecen os primeiros despidos e a amortización de postos. Para a deputada, esta medida exise que o Presidente da Xunta explique as verdadeiras razóns do Expediente de Regulación encuberto na Administración pública galega.
Por outra parte, a consellería de Traballo, Beatriz Mato, a través dunha reestruturación da consellería tamén despedirá a persoal indefinido non fixo, decisión que a deputada cualificou de inmoral se é comparada coa blindaxe do contrato do marido da Xerente do Hospital de Ourense, prima do Presidente da Xunta.
Tereixa Paz pediu a dimisión da conselleira de Traballo pola súa nefasta e ausente xestión en políticas de emprego como evidencian os últimos datos de ocupación en Galiza, a conselleira non cumpre coa súa función de velar pola legalidade en materia laboral porque para tramitar un ERE, explicou, este debe ser anunciado e negociado cos representantes dos traballadores.
A parlamentaria considerou que a Xunta está incorrendo en fraude á democracia e tamén á separación de poderes porque no articulado dos orzamentos figura que só serán amortizadas as vacantes non ocupadas. Os orzamentos aínda non foron aprobados e o O PP e Núñez Feijoo incumpren tamén esta condición.
Expediente de Regulación de Emprego no BNG
A preguntas dos xornalistas sobre o despedimento de traballadores e traballadoras vinculadas ao BNG, Tereixa Paz lamentou que a dirección desta forza nacionalista se vira obrigada ao que cualificou de dramática decisión motivada por unha situación económica insostible para garantir o futuro dos e das taballador@s.
Paz afirmou que hoxe é un día dos máis tristes na historia do BNG porque a súa situación económica, tralos recortes de máis do 70% das achegas publicas e os malos resultados electorais provocaron unha situación non desexada por ninguén.
A deputada agradeceu o traballo e a militancia do colectivo de traballadores que, a partir de hoxe, non volverán a realizar o seu labor dentro do Bloque Nacionalista Galego e lamentou a marcha dos que considerou compañeiros e compañeiras.
Paz tamén agradeceu a contribución económica da militancia para garantir a viabilidade do BNG e o pago das indemnizacións dos traballadores e traballadoras despedidos.
Neste sentido, engadiu que o BNG procurou que as indemnizacións foran as maiores posibles dadas as circunstancias económicas e reiterou que os despedimentos obedecen a decisións políticas tomadas polos gobernos central e galego e os recortes de achegas públicas ás organizacións políticas e sindicais.
O BNG non se financia con diñeiro B ni con sobres
A parlamentaria concluíu afirmando que, a diferenza doutras forzas políticas, O BNG financiase con aportacións económicas da súa militancia e cargos institucionais e non con cartos opacos.
O BNG, dixo, é transparente e non se financia en B nin con sobres e as entidades financeiras tampouco nos condonan a débeda coma a outros.