Só o BNG leva os problemas de Galiza ao Pleno de debate de resolucións
Das 105 propostas de resolución presentadas por todos os grupos, só o BNG leva resolucións sobre os problemas e a defensa dos intereses de Galiza. Ademáis, de presentar resolucións sobre cuestións sociais, paro, sistema público e a necesaria reforma constitucional para garantir o dereito a decidir dos pobos do Estado e empezar o debate en torno á institución da Coroa.
É a segunda parte do Debate de Política Xeral que terá lugar mañá martes 26 de febreiro a partir das 16 horas, sesión que a portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, aproveitará para, máis unha vez, peder a demisión do Goberno debido aos escándalos de corrupción en torno ao PP.
A resolución sobre Galiza:
En primeiro termo, o BNG traslada ao Pleno a defensa dos intereses de Galiza que pasa pola demanda de medidas para defender o futuro dos sectores productivos estratéxicos como son o sector naval, o pesqueiro, o lácteo, e as grandes infraestructuras aínda pendentes.
Neste sentido, as parlamentares nacionalistas piden un Plan de Actuación específico para impulsar o sector naval que contemple a construcción dun dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol, o levantamento do veto sobre Navantia Fene, a presenza do sector na axenda exterior do Goberno para lograr contratos de buques, o desbloqueo das cuestións pendentes para poder aplicar o Tax Lease e a clarificación dos contratos con PEMEX.
No relativa á pesca, o BNG demanda ao Goberno a revisión do reparto das cotas por parte do Goberno para que se aumenten as posibilidades de captura para a frota de baixura. Así como a solicitude de medidas de presión na UE pola exclusión da frota galega do Acordo de Pesca UE-Mauritania.
Respeito ao sector lácteo, as nacionalistas galegas piden medidas que garantan un prezo en orixe do leite que sexa superior aos custes de producción.
En materia de infraestructuras, o BNG insta ao Goberno a reactivar as obras de construcción da A-54, Lugo-Santiago, non rebaixar a alta velocidade no tramo de entrada a Ourense, e negociar con AUDASA un auténtico programa de descontos a aplicar en todos os tramos da AP-9.
A resolución sobre medidas sociais, económicas, financiamento autonómico e reforma constitucional:
As deputadas do BNG demandan ao Goberno a derogación da reforma laboral debido ao seu manifesto fracaso, a derogación íntegra do Real Decreto que estabelece as taxas xudiciais e o Real Decreto do copago farmacéutico e recortes en sanidade porque van en contra dos cidadáns.
Demandan unha dotación orzamentaria a traspasar ás CC.AA para aumentar o gasto en sanidade, educación, servizos sociais e Dependencia. Solicitan un Plan de Emprego a elaborar en coordenación coas CC.AA, e a modificación da Lei Hipotecaria en base á ILP que se vai tramitar no Congreso no tema dos desafiuzamentos. Non esquecen ás vítimas das preferentes, e emprazan ao Executivo a promover un mecanismo que garanta neste ano a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas.
Reclaman as deputadas do BNG a revalorización do poder adquisitivo das pensións no segundo semestre deste ano 2013.
Na cuestión da soberanía financeira, instan ao Goberno a avanzar na descentralización dos tributos para que Galiza teña unha Axencia Tributaria propia.
No capítulo constitucional, as parlamentares do BNG piden a apertura dun proceso de diálogo con todas as forzas políticas para acometer a necesaria reforma da Constitución, partindo da realidade plurinacional e do recoñecemento da soberanía das nacións do Estado. Ademáis, demandan que se aborde o debate sobre a situación da Coroa.