Rosana Pérez presenta unha proposición para que se reduzan as peaxes da AP-9 nun 32%
Así, Rosana Pérez pide que se xestione coa concesionaria da AP-9, a rebaixa dos prezos das peaxes polo menos nunha porcentaxe do 32% que é a porcentaxe de incremento das tarifas desde o ano 2007.
Demanda a Fomento que reclame a Itínere a aplicación dun programa de descontos polo uso frecuente da autoestrada, e que exixa á empresa concesionaria que repercuta os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada que adolece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo.
Rosana Pérez insta ao Goberno a rematar coa explotación privada da AP-9 e convertela nunha autoestrada pública gratuita que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur. Nun último punto, demanda o traspaso á Xunta da xestión desta importante infraestrutura viaria.
A deputada do BNG reprocha á Ministra de Fomento que faga ouvidos xordos á solicitude social, e de formacións como o BNG, de redución dos elevados prezos das peaxes. E subliña que o gasto en peaxe entre Madrid e Ferrol é menor que entre Ferrol e Vigo, 16,20 euros no primeiro caso e 17,65 euros no segundo caso.
Os galegos e galegas non poden asumir tan elevadas peaxes
Critica que o Goberno de Aznar ampliase a concesión a AUDASA para explotar a AP-9 até o ano 2048, unha explotación que outorga grandes beneficios económicos a esta empresa, que non para de aumentar as peaxes. Así, explica, desde o ano 2003 AUDASA incrementou nun 50% os prezos entre A Coruña e Vigo, pasando de 10,28 euros a 15,35. Está máis que amortizada.
Rosana Pérez censura que a pesar destes beneficios, a empresa nin siquera os repercute na mellora do vial. Non mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e incluso diminuiu o número de cobradores cando en periodos estivais se forman longas colas.
En aras a unha xustiza redistributiva, apunta Rosana Pérez, deberían reducirse as peaxes na mesma porcentaxa na que se incrementaron nestes últimos anos. E tíldao de abuso lembrando que os galegos e galegas non teñen outra opción que ir por unha vetusta N-550, duplicando os tempos de viaxe e con risco para a súa seguridade.
Advirte que a AP-9 vai camiño de se converter nunha vía morta debido a que moitos usuarios non poden facer fronte a custes tan altos. Critica que Fomento anuncie o resgate de nove autoestradas en situación de concurso de acreedores, a maioría delas en Madrid, con cartos de todos os contribuíntes do estado. E só para que Fomento resgate ás grandes constructoras e á banca.