Rosana Pérez pide a comparecencia de Ana Pastor polo naufraxio do "Mar Nosso"
Rosana Pérez considera alarmante a continuidade dos tres naufraxios de pesqueiros con tripulacións galegas. Pide que Ana Pastor compareza na Cámara para informar tamén das actuacións de Sasemar e de Salvamento Marítimo en cada un dos tres sinistros, e informe de que medidas vai adoptar o Goberno para evitar que se sigan a producir traxedias no mar como as dos pesqueiros: Santa Ana, Mar de Marín, e Mar Nosso.
Ademais, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara centrada no naufraxio do Mar Nosso. Pregunta a Fomento polas causas do accidente deste pesqueiro con bandeira de Portugal e base en Marín, que o pasado xoves 17 de abril se afundiu a 20 millas de Navia, no litoral de Asturias.
Unha situación moi grave
A deputada do BNG quer que Fomento explique por que non saltou a radiobaliza do pesqueiro, quer saber se é certo que non se produciu chamada de socorro, e cal foron os motivos de que non saltaran as zafras hidrostáticas das balsas salvavidas. Noutra orde de cuestións, Rosana Pérez pregunta cando pasou o último control técnico este barco, e se vai reflotar o pesqueiro para poder analizar as causas do sinistro.
Máis medios para a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos
Rosana Pérez afirma que estamos ante accidentes moi graves en pouco tempo que deben ser investigados en profundidade. Vai o Goberno a reforzar a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidente Marítimos? Non cre que deberían mellorar e aumentar os medios deste organismo dependente do Ministerio de Fomento?
A deputada do BNG descrebe o acontecido o pasado xoves co naufraxio do Mar Nosso en medio dun mar calmo. Existen varios interrogantes que se deberían esclarecer. Lembra que foi atopado ás 13.08 pero a hora do accidente é unha incógnita. Non saltou a radiobaliza, non houbo alertas de socorro e non saltaron as balsas salvavidas. Sinala Rosana Pérez que hia varias hipóteses sobre a mesa pero son só hipóteses á espera de coñecer a verdade deste novo sinistro. Algunhas informacións apuntan á carga de xarda e ao aparello.
Demanda unha investigación a fondo e pede a adopción de medidas para evitar que sigamos engadindo traxedias a unha lista negra que xa se cobrou a vida de 15 persoas e tres mariñeiros desaparecidos. A deputada do BNG pón de manifesto que no sector pesqueiro, entre as confrarías, as organizacións pesqueiras e os sindicatos do ámbito, instaurouse unha grande preocupación por tanta fatalidade en tan pouco tempo.