Rosana Pérez pide ao Goberno que non implante as "licenzas deportivas únicas"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez presentou unha proposición non de lei na Cámara para que se anule do anteproxecto de lei de Racionalización do Sector Público estatal, a implantación da denominada “licenza deportiva única”.

Rosana Perez pón de minifesto que a modificación do artigo 32.4 da Lei do Deporte 10/1990, para implantar a “licenza deportiva única” vulnera as competencias das CC.AA nesa materia e prexudica a actividade deportiva en xeral, tal e como poñen de manifesto as propias federacións deportivas.

Nun seguinte punto, a deputada do BNG insta ao Goberno a abrir unha mesa de diálogo coas CC.AA e coas Federacións Deportivas Territoriais, así como con colectivos do ámbito deportivo.

As Federacións Deportivas Terrotoriais están en contra

Rosana Pérez explica que o Consello de Ministros do 17 de xaneiro pasado aprobou dito anteproxecto que estabelece as licenzas deportivas únicas. Segundo a pretendida modificación normativa, unha vez que se obteña a licenza deportiva única se habilita ao seu titular a participar en calquera competición oficial, sexa estatal ou autonómica.

“Ademáis de vulnerar competencias autonómicas e quebrantar o actual modelo deportivo, na tramitación da citada norma ignorouse a opinión das Federacións Deportivas Territoriais, así como a doutros colectivos de deportistas”, sinala a deputada do BNG.

Rosana Pérez afirma que a modificación que pretende o Goberno central conculca o recollido no Estatuto de Autonomía de Galiza, e na Lei do Deporte galega. Asemade, faise eco dos argumentos das Federacións que sinalan que “a actual normativa permite acadar acordos en materia de emisión de licenzas entre Federacións Territoriais e as estatais.

Enfatiza que as Federacións deportivas como as de Galiza, que son as que promoven o deporte de base, opuxéronse a esta medida que consideran vai en perxuizo do deporte en xeral.