O reparto clientelar que o PP fai dos fondos da Deputación prexudica a 71 dos 93 concellos da Coruña
O portavoz nacional, Xavier Vence, mantivo unha reunión de traballo co grupo provincial e cos alcaldes e alcaldesas do BNG na provincia para analizar este tema. A un ano das eleccións municipais, o PP usa a Deputación para facer un reparto ad hoc das axudas en beneficio dos seus alcaldes nas tres grandes cidades, ignorando os criterios de distribución obxectivos que xa existían e son aceptados por todos os concellos, explicou.
Neste sentido, o Bloque demanda ao PP que rectifique e aplique para o reparto dos 18 millóns de euros do Plan DCT93 os mesmos criterios que se recollen nos plans de obras e servizos (POS) da Deputación, nos que se prima o equilibrio territorial e os concellos rurais de menos de 50.000 habitantes.
O cambio unilateral do sistema de reparto das subvencións feito polo PP implica que A Coruña recibe un 90% máis de fondos públicos do que lle correspondería aplicando os criterios consolidados no POS, Ferrol un 60% e Santiago un 45%. Para que os gobernos do PP nas cidades reciban máis, 73 dos 93 concellos da provincia reciben moito menos do que lles correspondería, en algúns casos perden ata un 36% dos fondos.
Para os vecinos e veciñas dos concellos gobernados polo BNG, este reparto clientelar supón perder 204.215 euros.
Precisamente, se algunha razón de ser teñen as deputacións, alega Vence, é a de prestar servizos e financiamento aos municipios con menor capacidade económica e de xestión. O dirixente nacionalista, critica que o PP castigue aos galegos e galegas que viven no medio rural ou en concellos pequenos e medianos, en lugar de apostar pola equidade e pola redistribución para a poboación que ten máis dificultades para acceder aos servizos e para financiarse.
Vence chamou a atención sobre o camiño ao que nos conduce o PP combinando a reforma local da administración, que reforza as deputacións, coa súa política clientelar: A un progresivo abandono dos concellos rurais e dos concellos intermedios, a un incremento das desigualdades e das inxustizas no reparto dos fondos, a un progresivo deterioro do equilibrio territorial e a unha dificultade crecente para dar servizos aos cidadáns nas diferentes partes do territorio.
Son evidentes os perigos de manter e reforzar as deputacións no futuro, por iso desde o BNG insistimos na necesidade de suprimir as deputacións pola súa xestión pouco democrática e que cedan as súas competencias a aquelas administracións que son vontade da cidadanía, como os concellos e a CCAA, concluíu.