Rego traslada á Ministra a proposta de modificación do artigo 18 da Lei de Cambio Climático
O deputado do BNG, Néstor Rego, enviou unha carta á Vicepresidenta 4ª e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, urxindo unha solución para os millares de postos de traballo do sector mar-industria que se poden ver en perigo polo previsto no artigo 18 da Lei de Cambio Climático sobre ocupación do dominio público marítimo-terrestre.
A tramitación da Lei de Cambio Climático está xerando unha enorme preocupación na Galiza e, especialmente, no que ten a ver co artigo 18 que afecta de maneira directa a todo un sector económico como é o complexo mar-industria. A formación nacionalista traslada esa preocupación á Ministra ao tempo que ofrece unha proposta de modificación do artigo 18, por medio dunha emenda transaccional, para exceptuar do previsto nel todas aquelas actividades que sexan sustentábeis tales como a acuicultura, depuradoras e cocedoiros de marisco, conserveiras e outras actividades respectuosas co medio ambiente relacionadas co sector.
Na opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, pór en risco a continuidade destas actividades ou mesmo xerar inseguridade xurídica que afecte futuros investimentos supón un golpe duro para a economía da costa galega e aboca a un futuro máis incerto centos de pequenas e medianas empresas, así como para millares de postos de traballo.
“O problema de tratar de maneira homoxénea realidades moi diferentes é que poden derivar en grandes inxustizas. É evidente que a realidade da costa galega é moi distinta da mediterránea, ou mesmo da cantábrica” sinala Rego na carta. Mais o que tamén é evidente é a posíbel desaparición dalgunhas actividades terían un efecto en cadea “demoledor para a economía das nosas zonas costeiras”. O sector marisqueiro, por exemplo, con grande peso na actividade socio-económica da Galiza, precisa de depuradoras de marisco, cocedoiros e mesmo conserveiras para fechar o ciclo produtivo e comercializar os seus produtos.
Con ánimo de procurar unha solución e dar tranquilidade e estabilidade a todo o sector, a formación nacionalista trasladou ao resto de forzas políticas unha proposta transaccional que agora fai chegar á propia Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. A transacción engade un novo punto no artigo 18 para que “fiquen exceptuadas do estabelecido neste apartado os títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre vinculados ao desenvolvemento de actividades de acuicultura, deputación de marisco e conserveiras e calquera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentábel”.
“Estamos convencidos de que para que o obxectivo de que a Lei de Cambio Climático -á que o BNG presentou 30 emendas co obxectivo de mellorala- poida gozar dun amplo consenso social é importante evitar unha situación de confrontación con todo un sector económico vital para a economía da Galiza” finaliza Néstor Rego na carta á Vicepresidenta cuarta do Goberno do Estado, ao tempo que lle pide solicitar aos partidos que integran o goberno que “apoien esta proposta de transacción que resolve, de maneira adecuada, a situación xerada pola redacción actual o Proxecto de Lei e no que ten a ver co artigo 18”.