Contra unha reforma que degrada o ensino superior, fronte común das tres universidades galegas

Reunión BNG coa comunidade universitaria da USC

En pleno debate sobre o decreto do Goberno central de recortar a duración para obter un título superior, o BNG considera que a mellor maneira de enfrontar a degradación do ensino que supón esta proposta do PP é fixar unha posición común das tres universidades galegas, que se traduza en títulos homoxéneos en duración e en custe dos estudos.

“A proposta do BNG é que Galiza debe ter unha posición común das tres universidades que debe ser asumida pola Xunta, que inclúa títulos uniformes sen custe maior dos masters en relación aos graos, e que nas tres universidades o custe dos créditos sexa idéntico para favorecer o acceso do alumnado aos dous niveis”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, tras a reunión celebrada cos tres colectivos que integran a USC.

Na reunión houbo coincidencia en denunciar que a reforma supón “un retroceso enorme” que favorece ás universidades privadas, e dificulta “que os fillos e as fillas das familias máis humildes podan completar os dous ciclos universitarios porque se encarecen”.

O BNG tamén abordou co persoal docente e investigador, co persoal administrativo e co estudantado a situación do financiamento universitario, -en plena renovación-, e o sistema de bolsas.

Vence defendeu un debate con luz e taquígrafos no que participe toda a sociedade e todas as forzas políticas, “que non sexa levado ás agachadas desde a Consellería de Educación”, cuxos anuncios para o futuro plan de financiamento plurianual “van na dirección equivocada porque insisten nos recortes”, alegou.

Para o Bloque, o futuro sistema de financiamento universitario debe responder a dous requisitos: garantir a calidade dos servizos e das dotacións básicas e que ningún alumn@ capaz de acceder á universidade quede fora por falta de recursos. Isto implica unha dotación económica que non debería baixar dos 450 millóns de euros anuais, - un 5,3% do orzamento autonómico con cifras de 2015-, fronte aos 374 millóns de euros deste exercicio, e garantir o persoal docente e investigador necesario, hoxe en risco pola taxa de reposición.

Aposta estratéxica

“A Universidade é parte do futuro do país é ten que ser unha aposta estratéxica, sen escatimar esforzos en manter a calidade e a facilidade de acceso”, salientou Vence, para quen un financiamento variable en base a determinados criterios “é unha desculpa para xustificar unha redución”, alertou.

Igualmente, o Bloque demanda ampliar a dotación de bolsas que está en constante caída nos últimos anos, -só as Erasmus experimentaron un recorte do 37% no último ano a nivel estatal-, e unha xestión desas bolsas con criterios específicos para Galiza que debe levarse a cabo pola propia Xunta. A formación nacionalista levará todas estas propostas en forma de iniciativas parlamentarias tanto á Cámara galega como ao Congreso.