Propostas para o sector agrogandeiro: gasóleo libre de impostos, moratoria nos préstamos e un ano sen cotas á seguridade social

Encontro centrais sindicais agrarias

“No medio da tormenta perfecta, Feixóo está desenchufado de Galiza e non aportou ningunha solución para o rural nesta crise de prezos”, denuncia

Facer cumprir a lei que impide vender a perdas e a tarifa eléctrica galega para abaratar os custes enerxético, completan as medidas a curto do BNG

O sector agrogandeiro está no seu peor momento en décadas con problemas estruturais que a crise de prezos non fixo máis que agudizar, e para dar alternativas a un sector estratéxico o BNG urxe un cambio de rumbo nas políticas do Goberno do PP que só conseguiron afondar na decadencia do rural.

A portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión coas principais organizacións agrarias, puxo sobre a mesa medidas para actuar no curto prazo ante ás explotacións agrogandeiras afogadas pola escalada de prezos. Precisamente para facilitar liquidez, a líder do Bloque formula tres medidas concretas: gasóleo libre de impostos, -como ten o sector pesqueiro-; moratoria de dous anos nos préstamos e condonación durante un ano das cotas á Seguridade Social ós produtores e produtoras, tanto por conta propia coma por conta allea durante un ano.

“O sector agrogandeiro está atravesando a tormenta perfecta e Feixóo está ausente, con Galiza como pasatempo á espera de instalarse en Madrid. Temos un presidente da Xunta desenchufado e desconectado de Galiza, cando Galiza máis necesita dun Goberno ao 100% e que aporte solucións”, salientou Pontón, “pero está mirando para os problemas do PP, non do País, nin da cidadanía e non ten activando nin unha soa medida para paliar a crise de prezos”.

Hoxe hai 27.000 explotacións de carne de vacún e de leite, “estamos falando de alimentación”,  e a realidade é que a maior parte producen e vende por debaixo do prezo de costes, até sete céntimos no caso do litro de leite e até 1,3 euros no prezo da carne.

“Non é unha novidade, pero a crise de prezos non fixo máis que empeorar esta situación coa subida da luz, carburantes, pensos para os animais e o incumprimento sistemático da lei da cadea alimentaria”, recalcou a líder do Bloque, ao que se lle suma as consecuencias da invasión de Ucraína e a folga do transporte, “pero o Goberno galego nin está, nin se lle espera, ó contrario négase a convocar a Mesa do Leite e a poñer a funcionar un observatorio do leite e da carne”.

No curto prazo, o BNG completa as propostas coa tarifa eléctrica galega para reducir a factura da luz e reclamar en Madrid e Bruxelas unha aplicación flexible da PAC, para que nesta campaña se poda sementar terras que están a barbeito para paliar a escaseza de cereais. Neste sentido, Pontón salientou que mentres o sector se ve obrigado a importar toneladas de cereais, Galiza ten 200.000 has. abandonada que deben recuperarse como superficie agraria útil.

A formación nacionalista tamén aporta medidas a medio prazo, de tipo máis estrutural, que supoñan un cambio de rumbo na política do Goberno do PP, que non fixo máis que afondar na crise do rural, de feito, perdéronse a metade das explotacións lácteas co Executivo de Feixóo.  Entre esas medidas de fondo, precisamente a mobilización de terra agrícola abandonada para aumentar a base de cultivo de forraxes das explotacións gandeiras.

Na mesma liña, recuperar para uso agrogandeiro as terras forestadas ilegalmente; retomar o cultivo das áreas tradicionais de cereal, desvincular as axudas da PAC da superficie e vinculalas coa produción, destinar fondos Next Generation ao sector agrogandeiro e fomentar a venda dos produtos de proximidade, tanto a través dos mercados tradicionais como de novas ferramentas como as plataformas de comercio online.

“É evidente o fracaso do Goberno do PP para darlle futuro ó sector agrogandeiro, porque durante trece anos todo o medio rural foi a menos, -denuncia Pontón-, pero se algo deixou claro á pandemia é a necesidade estratéxica de producir alimentos de calidade. O rural ten futuro, pero precisa un Goberno capaz de facer unha aposta estratéxica, concluíu, “e iso non se vai solucionar cambiando a persoa á fronte da Xunta, senón cambiando as políticas”.