Prado: O problema da Sanidade galega non é a falta de recursos, é a política do PP
A deputada do BNG, Montse Prado lamentou a posición do Partido popular por ideolóxica, indigna, inxusta e inhumana contra os enferm@s con patoloxías crónicas non hospitalizados
O problema non é falta de recursos, o único problema da Sanidade pública é o PP, afirmou a deputada do BNG Montse Prado na súa interpelación á conselleira de Sanidade.
Para a nacionalista, un goberno que toma este tipo de decisións cos máis débiles, retratase e demostra ata onde está disposto a chegar porque penalizan as persoas enfermas, deixan fora do financiamento máis de 400 fármacos, soben o prezo dos medicamentos fora de catálogo, recortan os servizos sanitarios, reducen profesionais e agora, atacan aos enferm@s crónic@s, co copago de medicamentos en boticas hospitalarias.
Na súa intervención, a deputada criticou as afirmacións de Rocío Mosquera porque indican, dixo, que segundo o PP parece que lle están facendo vostedes un favor a estes doentes e a realidade é que os medicamentos son dispensados nas boticas hospitalarias por estar sometidos a un estrito control. As medidas que aplica o Partido popular na sanidad responden a unha escolla ideolóxica pura e dura, manifestou.
Os afectad@s da sanidade son persoas non son números nin balances
A parlamentaria responsabilizou ao Goberno galego, e nomeadamente á titular de sanidade, do sufrimento que padecen miles de persoas polas políticas lesivas do Partido popular.
As súas políticas, van contra persoas das que algunha se ve obrigada a acudir a un programa de televisión a denunciar a súa situación reclamando solidariedade mentres a administración non move un dedo para facilitarlle unha mínima calidade de vida.
Vostedes non solucionan estas situación e o grave é que saben que o están facendo mal, non por inocencia, fano sacrificando os dereitos da maioría en beneficiou duns poucos.
A deputada reiterou a súa pregunta e requiriu da titular de sanidade unha resposta sobre como é posible que un goberno poda tolerar o sufrimento dos seus cidadáns e cantas persoas deixaron de recoller os medicamentos receitados. Non agochen o dato porque nós sabemos que é escalofriante, denunciou.
Pola súa parte, a conselleira de sanidade obviou na súa intervención a pregunta da nacionalista .
Prado concluíu acusando ao Goberno galego de falta de valentía por non atreverse a plantar cara ao Goberno de Madrid contra a invasión de competencias e non defender as persoas enfermas graves. No BNG, dixo, lamentamos a posición do Partido popular que segue beneficiando aos mercaderes coa enfermidade. O problema da Sanidade pública en Galiza non é a falta de recursos, o problema son vostedes, reiterou.