Prado: O PP impón un novo imposto á enfermidade
A deputada do BNG, Montse Prado cualifica de roubo o copago de medicamentos a doentes crónic@s e pide que non se aplique a medida en Galiza, proposta que o PP rexeitou
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, derrogar a resolución que fixa un novo copago para medicamentos dispensados a través das farmacias hospitalarias e destinados a doentes crónicos afectados de enfermidades crónicas como o cancro, leucemia, tumores, hepatite ou dexeneración muscular.
Na defensa da iniciativa, a nacionalista afirmou que con esta medida o Partido popular impón un imposto á enfermidade e cualificou de inxusto, inhumano e indigno que un goberno decida facer caixa a costa dos máis desfavorecidos e seguir engordando á banca e aos poderosos.
Prado reclamou non aplicar esta medida en Galiza e seguir o exemplo doutras comunidades, mesmo gobernadas polo Partido popular, que xa anunciaron o seu rexeitamento a aplicación da resolución que modifica as condicións e establece un novo copago para medicamentos.
Para a deputada, unha vez máis o Parido popular en Galiza resulta un alumno aventaxado do goberno de Rajoy asumindo sen dilación as medidas ditadas dende Madrid, o Goberno galego é sumiso as directrices do goberno central aínda que sexa en contra dos intereses, neste caso, dos enfermos e enfermas galegas, sentenciou a deputada.
Asemade, a parlamentaria reiterou que resulta mesquiño provocar tanto sufrimento e acusou ao Partido popular de levar ao abismo a miles de persoas e ao desmantelamento a sanidade pública, vostedes, dixo, son responsables porque as decisións non son números nin balances, afectan a seres humanos con nomes e apelidos.
Prado criticou que o PP considere irrelevante o novo repago situado no 10% do custe cun límite de 4,20 euros para os fármacos de doentes non hospitalizados e non repare nos miles de millóns destinados a salvar á banca e especulación a costa da maioría da poboación, vostedes, non teñen límite e por riba, engadiu, argumentan que a intención non é recadatoria.
Solidariedade mal entendida
A deputada tamén aludiu a intención do Partido popular de introducir na sociedade o discurso da solidariedade en tempos de crise e puxo como exemplo algúns programas de televisión destinados a recadar fondos para familias necesitadas. En opinión da parlamentaria este tipo de iniciativas mediáticas son utilizadas polos gobernos que seguen aplicando recortes en servizos sociais e logo piden que sexa a cidadanía a que arrime o ombro para converter en solidariedade mal entendida e beneficencia o que deberían ser dereitos sociais amparados polos gobernos.
A portavoz de sanidade do BNG lamentou que o Partido popular votara desfavorablemente á iniciativa nacionalista que buscaba non aplicar en Galiza o novo copago de medicamentos de doentes crónic@s.