O PP vota en contra e o PSOE abstense na proposta do BNG para ceder o pazo de Meirás á Xunta
Luís Bará demanda recoñecer, no acto de apertura do Pazo, o labor de todas as persoas e entidades que loitaron pola devolución e convertelo nun lugar da Memoria en Galiza
Considera que no banco dos acusados deben sentarse os Franco polo roubo, e o Franquismo por asasinar, atemorizar, violar, extorsionar e converter o Estado nunha maquinaria de corrupción
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou, a través dunha proposición non de lei, a cesión do Pazo de Meirás á Xunta e a súa xestión ás institucións e Consello Asesor que participaron na reclamación.
Ao comezo da súa intervención, o nacionalista amosou unha fotografía dunha manifestación ante o Pazo de Meirás e pediu o recoñecemento para todas as persoas e entidades que marcaron un camiño que fixo posible que chegaramos até aquí. “Gracias por imaxinar que era posible, pola loita política e social”.
Recoñecemento ás persoas e entidades
Neste sentido, pediu celebrar na apertura de Meirás un acto de recoñecemento a todas as persoas e entidades que loitaron pola devolución do Pazo e destacou o libro dos autores, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, editado pola Fundación Galiza Sempre, tras unha década de investigación. O noso recoñecemento e gratitude, para sempre e o noso apoio incondicional porque continúan sendo denunciados e tamén o noso apoio aos 19 de Meirás, pendente dun xuízo no que piden máis de 300 anos de cadea e 500.000 euros de multa. No banco dos acusados, dixo o nacionalista debía sentarse “a familia Franco polo roubo e o Franquismo, por asasinar, atemorizar, violar, extorsionar e converter o estado nunha xigantesca maquinaria de corrupción”.
Como se pode explicar que a familia Franco gozase máis tempo do pazo de Meirás en “democracia” que na Ditadura: 45 fronte a 37 anos.
Como se pode explicar que despois de 42 anos de réxime constitucional sigan vixentes “títulos aberrantes e insultantes” como o Ducado de franco ou o Señorío de Meirás? Pois porque a Casa Real e todos os gobernos do Estado os confirmaron e renovaron ao longo de 45 anos, asegurou.
Operación perversa da Xunta e o PP para falsificar a memoria
Agora que se conseguiu un grande logro histórico, froito da mobilización, investigación e traballo institucional, explicou Bará, o PP quere crear “unha cortina de fume” para “branquear o franquismo” como ocorreu na Illa da Memoria de San Simón, en realidade convertida en Illa do Esquecemento onde todo cabe, “Illa dos poetas, de piratas, de monxes e gincanas en busca de tesouros nas festas de Hallowen”. Vostedes, sentenciou, “teñen aversión á memoria do franquismo e do antifranquismo”. Esta actitude é mo perigosa porque banaliza o mal como afirmaría a filósofa Hannah Arendt, ofende a memoria das vítimas e falsea a historia.
Bará insistiu na reclamación de ceder o Pazo á Xunta e convertelo nunha lugar para contar toda a historia, dende a súa orixe coa escritora Emilia Pardo Bazán á Ditadura polo que propuxo un “uso arredor da Memoria Democrática Galega e un Centro internacional referente para a historia das Ditaduras, dos fascismos, e da loita democrática”.
Meirás, concluíu o nacionalista, ten que ser “unha aula viva da convivencia e da intelixencia, unha escola de democracia, de xustiza, e de dignidade colectiva”, a antítese do que foi durante máis de 80 anos. “O punto de partida para desenvolver unha política pública de memoria en Galiza”.
A proposta nacionalista foi rexeitada polo Partido popular e a abstención do PSOE.