PP vota en contra de que as mulleres vítimas de violencia machista conten con atención psicolóxica na atención primaria
Rodil lamentou que o Partido popular rexeitara os dous primeiros puntos da iniciativa para destinar o 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista e garantir a atención psicolóxica das afectadas en Atención Primaria.
Falamos da atención psicolóxica para as mulleres en situación de violencia machista e a necesidade de prestar este servizo na Atención Primaria tal e como recolle desde hai 13 anos a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Artigo 25, “e vostedes votan non a este precepto”, criticou a deputada.
Rodil remarcou que os meses de confinamento foron moi duros para todas e todos pero imaxinen, dixo o que puido supoñer para unha muller convivir durante tres meses co seu maltratador, “24 horas ao día”.
Os últimos datos publicados no sistema de seguimento, VioGen, outubro 2020 rexistran en Galiza 3.714 casos activos. E sabemos que a Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario porque polo centro de saúde pasamos todas e moitas veces a sintomatoloxía dunha persoa, con cadros de estrés, ansiedade e magoaduras serven para detectar situacións de violencia que permitan activar protocolos. Un simple,“e as cousas na casa como están? pode mudalo todo”, recalcou Rodil.
Non podemos baixar a garda
Durante os primeiros meses deste ano o número de consultas telefónicas en atención ás vítimas incrementóuse un 35% a respecto do mesmo período do 2019 e as consultas en Centros de Información ás Mulleres, o 16%. “Non podemos baixar a garda”, sentenciou.
A proposta do BNG, transacionada con PP e PSOE, aprobou: Deseñar, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, un Plan específico de atención psicolóxica para mulleres en situación de violencia machista adaptado á realidade xerada pola COVID-19 así como ás consecuencias do confinamento e doutras medidas de restrición da mobilidade adoptadas neste contexto.
Manter e ampliar o Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia machista para garantir o funcionamento dos servizos necesarios de atención, información e asesoramento ás mulleres en situación de violencia machista, tales como: prestacións económicas, apoio psicolóxico, Centros de Información ás Mulleres e recursos de acollida.
Elaborar un estudo sobre a situación das mulleres vítimas de violencia machista en Galiza durante a pandemia, con especial atención ao período de confinamento.
Ampliar a rede de Centros de Información ás Mulleres que garanta a prestación do servizo ao conxunto do territorio galego especialmente a aqueles concellos e comarcas que actualmente carecen del.
Reforzar as medidas dirixidas á atención ás mulleres vítimas de violencia machista que viven no rural, aumentando o número de recursos especializados adaptándoos á realidade demográfica e xeográfica así como adaptar as campañas de prevención e sensibilización a esta realidade.
Manter e ampliar a colaboración coa Rede Galega contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Dirixirse ao Goberno do Estado para que impulse a aprobación da Lei Orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual e cumprir así, co aprobado no Pacto de estado contra a violencia de xénero.