O PP mantén a súa hostilidade contra o galego ao rexeitar a ILP da Mesa avalada por 28.000 persoas

Tribuna de convidad@s ao debate da ILP

Olalla Rodil lamenta que, unha vez máis, que o PP manteña unha política contraria ao uso da lingua galega no ámbito socieconómico

Tras dar a   benvida ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e persoas convidadas ao debate da Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos  no ámbito socioeconómico, a deputada, Olalla Rodil remarcou a importancia da ILP para resolver  situacións absolutamente cotiáns como, contactar coa compañía telefónica, presentarse a unha entrevista de traballo, visitar unha escola infantil, asinar unha hipoteca, escriturar a casa, renunciar a unha herdanza nunha notaría, abrir unha conta bancaria, contratar un seguro, mercar un vehículo, consultar a páxina web de IKEA…que na practica resultan  “ accións imposíbeis de facer, en  galego”.

Para a deputada, son testemuñais as empresas ou compañías, galegas ou foráneas que desenvolven a súa actividade en Galiza , que proporcionan a documentación ou manteñen a relación comercial coa clientela  en lingua galega e resulta tan anecdótico o uso do galego no ámbito socioeconómico, que nos sorprende cando acontece porque o   que “debería ser normal neste país resulta exótico”.

 Esa difícil, por non dicir imposíbel tarefa de recibir unha atención oral e escrita en galego, provoca situacións de continua vulnerabilidade e indefensión para as usuarias ou consumidoras que pretenden  “asinar o contrato de aluguer en galego ou recibir o xustificante de pagamento dunha multa na lingua propia do país”.

Desde o BNG imos apoiar a toma en consideración desta iniciativa,  e contribuímos  coas nosas sinaturas a que chegase até aquí, xunto con outras 28 mil persoas. O   articulado da ILP dá amparo legal a algunha das medidas recollidas no Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico que aprobou a Xunta de Galiza en 2016 e   desenvolve a normativa vixente a respecto da protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, Lei 2/2012,  na que se recoñece o dereito á atención oral e escrita en galego. Por outra banda,  Galiza é o único territorio do Estado con lingua de seu e  recoñecemento de nacionalidade histórica que non conta con instrumentos legais que protexan os dereitos lingüísticos da poboación galegofalante como consumidora e usuaria.

EUSKADI E CATALUNYA CONTAN  CON LEXISLACIÓN

A nacionalista fixo fincapé no recoñecemento do galego na Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1996) e na Carta europea de linguas minorizadas (2001) ao que sumou a obriga da  Xunta de Galiza, dende o ano 1983, de “fomentar a normalización do uso do galego nas actividades mercantís”. Euskadi, explicou Rodil,  aprobou en 2003 o Estatuto das persoas consumidoras e usuarias   para  acceder en euskera á información sobre bens e servizos. Igual acontece desde a aprobación da Lei do Código de Consumo de Catalunya en 2010. Por certo, lei “recorrida polo Estado español ante  o Tribunal Constitucional con sentenza favorábel á Generalitat en 2017. “Di moito do Estado no que vivimos que un Goberno recorra por inconstitucionalidade o dereito dos cidadáns a ser informados na súa lingua, a recibir documentación na súa lingua ou a asinar contratos nela”, apostilou.

O PP VOLVE A REXEITAR O CONSENSO LINGÜÍSTICO E VETA A VOZ DE 28.000 PERSOAS

A parlamentaria  do BNG lamentou que o voto en contra do PP impedira a tramitación  dun texto legal que permitiría avanzar na garantía dos dereitos lingüísticos e   deixar atrás a discriminación e  trato desigual das  persoas galegofalantes.

“O PP mantén a súa oposición á lingua galega cunha  política contraria á súa plena normalización no ámbito socioeconómico como xa fixo no ensino coa aprobación do decretazo no ano 2010. Hoxe o PP tiña a oportunidade de recuperar o consenso lingüístico mais ficou claro que cada vez está máis lonxe del”.

Co seu rexeitamento á toma en consideración da ILP, “o rodillo do Partido Popular veta a voz das máis de 28 mil persoas que dando apoio á iniciativa demandaban a súa tramitación na Cámara”, concluíu Rodil.