O PP vota en contra da iniciativa do BNG para modificar o IRPF das persoas en ERTE
A portavoz en materia de economía do BNG, Noa Presas instou hoxe á Xunta a elaborar un estudo para a súa presentación no Parlamento galego, no prazo de dous meses, sobre o impacto do IRPF nos sectores máis precarizados e co fin de a aprobar propostas no ámbito das súas competencias e demandar ao goberno central a modificación a lei do Impostos sobre a Renda de Persoas Físicas aumentando o límite a 22.000 euros anuais se a suma das cantidades percibidas do segundo e restantes pagadores, por orde de contía, non supera no seu conxunto a cantidade de 8.000 euros ao ano. A proposta nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
A parlamentaria do BNG explicou que a realidade económica galega mudou e os umbrais do IRPF que no seu día podían ter un sentido para profesións liberais e persoas pruriempregas, hoxe en día converteuse “nunha cláusula que penaliza as capas máis pobres”. A consolidación do traballador ou traballadora pobre “é unha realidade” por mor dunhas circunstancias extraordinarias, unha realidade, dixo, que nos debe levar a unha “profunda reflexión”. O sistema do IRPF contén unha parte obxetivable pero existe unha distorsión no umbral que explicou a través do exemplo dunha persoa traballadora do sector do comercio que durante este ano non se acollera a un ERTE e cobrera 15.000 anuais e outra suxeita a un ERTE coa mesma contía e superando os 14.000 euros, “unha deberá facer a declaración pero outra non” e aí, dixo a deputada está a “distorsión”.
Parafrasentado o titular dun recente artigo publicado nun medio de comunicación afirmou que “ esta campaña vaise cebar cos máis pobres da pandemia” e a proposta de Facenda de fraccionar o pago en seis meses “non vai resolver o problema de liquidez”, polo suxeriu ampliar a longo prazo o pagamento requirido.
Por outra banda, lembrou que se vai producir “un incremento” na recadación tributaria nun contexto de crise sen precedentes” e ao tempo constatamos como vai recaer nos máis afectados.
É necesario abordar medidas “a curto prazo” e indicou que o máis urxente é incrementar o umbral de 14.000 a 16.000 euros ou 17.000 ou os 22.000 que homologarían a un só empregador ao que sumou pasar do limiar de 1.500 a 8.000 euros anuais.
A deputada lamentou que o Partido popular rexeitara a elaboración do estudo proposto polo BNG para recadar a información necesaria e iniciar as medidas oportunas. Na súa opinión, “o problema non se vai resolver neste exercicio nin no seguinte” e desgraciadamente ás persoas máis afectadas pola pandemia agora deben enfrontarse a pagos de impostos que provocarán unha maior inestabilidade económica.
A nacionalista lembrou que o mércores 7 de abril iniciouse oficialmente a campaña da renda e comprobamos como “nun ano e nun mes de crise sanitaria e económica non houbo previsión por parte do goberno do Estado e tampouco unha actuación proactiva por parte da Xunta de Galiza”.
Presas explicou que durante o ERTE, o SEPE fai o pagamento e o lóxico sería que o propio SEPE tamén fixera a retención ao igual que unha empresa privada, pero por regra xeral esta retención é mínima ou inexistente. Neste contexto, de media un traballador en ERTE perde un 30 ou 40 por cen do salario ao mes e moi probablemente a maioría teña que pagar contías entre os 1.000 ou 2.500 euros.
Alguén que non estaba a facer a declaración porque ingresaba 17.000 euros ao ano agora terá que facela por ingresar 14.000 de dous petos diferentes e unha persoa cun só pagador “non tería que presentar a declaración da renda”.
Deben pagar os que máis teñen e non sancionar ás persoas en situación de maior vulnerabilidade, concluíu a nacionalista.