PP veta a comparecencia dos reitores galegos proposta polo BNG no debate do proxecto de lei da universidade privada
O PP vetou no Parlamento galego a comparecencia proposta polo BNG dos reitores das tres universidades galegas na ponencia encargada de redactar o informe sobre o proxecto de lei para recoñecer a primeira universidade privada de Galiza, impulsada por Abanca.
O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, defendeu na constitución da ponencia na Cámara a intervención na mesma dos tres reitores, así como a de representantes do estudantado e do colectivo do Persoal de Administración e Servizos, da Rede Galega pola Investigación Investigal, da Confederación Intersindical Galega (CIG) e a do ex reitor da Universidade da Coruña e autor de Universidade Galega, sempre pública, Xosé Luís Armesto, proposta que foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP.
Ante o impacto que supón a implantación da Universidade Intercontinental da Empresa auspiciada por Abanca, o BNG propuxo abrir o debate parlamentario á sociedade coa participación dalgúns dos colectivos especialmente afectados. Neste sentido, Lourenzo defendeu a necesidade de darlles voz e escoitalos, nomeadamente o posicionamento dos reitores sobre o proxecto de lei presentado polo Goberno galego.
Segundo o portavoz nacionalista de Educación, este proxecto de lei supón “un cambio de modelo cara á privatización da Universidade pública” e, co seu veto ás comparecencias propostas, “o PP non fai senón confirmar a falta de transparencia e o seu aliñamento con Abanca en favor da universidade privada e en detrimento da universidade pública”.
Cómpre lembrar que o BNG xa advertiu en reiteradas ocasións de que este proxecto é “elitista, excluínte e absolutamente innecesario” nun país que conta con tres universidades públicas e sete campus distribuídos por todo o territorio e que, ademais de duplicar titulacións xa existentes e non realizar ningunha achega tampouco no ámbito da investigación, non vén máis que a beneficiar os intereses de Abanca.